O Fiouco non pode seguir agardando

Senador del PP de Lugo

Hai problemas que admiten debate político e outros que deberían concitar unanimidade. A seguridade viaria é un deles.

Por iso resulta difícil de entender que, despois de tantos anos, a solución definitiva para mellorar a seguridade da A-8 ao seu paso por O Fiouco continúe sen executarse. Falamos dunha das principais vías de comunicación do norte de España, dunha infraestrutura estratéxica para Galicia e, sobre todo, de vidas humanas.

Os veciños da Mariña estamos cansos de escoitar promesas mentres convivimos coa incerteza cada vez que a néboa cobre a zona. Porque o problema de O Fiouco non é novo nin descoñecido. A néboa sempre estivo aí. O ministerio de Pepe Blanco deseñou mal ese tramo e o mínimo esixible é actuar con rapidez para corrixir as súas consecuencias.

Os anos pasan e seguimos practicamente no mesmo punto. E o máis grave é que xa non estamos ante un problema técnico. O sistema de balizamento láser foi estudado, probado e considerado durante anos como a alternativa máis eficaz para mellorar a circulación en condicións de visibilidade extrema. A tecnoloxía existe. A necesidade tamén. O único que falta é vontade política.

Por iso a pregunta é moi simple: que está agardando o Goberno de Pedro Sánchez?

Resulta especialmente indignante comprobar que, cando se trata de recadar, non existen demoras nin escusas. Os radares instalados na zona sitúanse entre os máis activos de Galicia e de España. Para cobrar, todo funciona. Para investir en seguridade, todo se eterniza.

A Mariña non reclama privilexios. Reclama o que lle corresponde: unha infraestrutura segura, moderna e acorde coa importancia dun territorio que leva demasiado tempo escoitando anuncios e vendo como os compromisos quedan no papel.

Non fan falta máis estudos. Non fan falta máis promesas. Fai falta executar. Fai falta cumprir. Porque a paciencia dos veciños e dos usuarios desta vía esgotouse hai moito tempo.

O Fiouco non pode seguir sendo o símbolo dos atrasos e dos incumprimentos. O Ministerio ten a obriga de actuar. E ten que facelo xa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios