Néstor Rego defende o sector pesqueiro e as persoas consumidoras e urxe máis inspeccións, mellor trazabilidade e medias contra esta práctica fraudelenta.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado medidas urxentes contra a fraude na etiquetaxe dos produtos do mar, após a publicación dun estudo da Universidade de Cantabria que estima o seu impacto económico en máis de 683 millóns de euros.
Segundo alerta o deputado nacionalista, esta práctica “prexudica as persoas consumidoras, favorece a competencia desleal e dana o sector pesqueiro galego, que cumpre rigorosamente coa normativa”.
A formación nacionalista, ante o recente estudo publicado, demanda un reforzo das inspeccións e dos controis ao longo de toda a cadea de comercialización, especialmente nos produtos importados e procesados, así como melloras nos sistemas de trazabilidadee na información que reciben os consumidores.
“Non é admisíbel que se sigan producindo substitucións de especies e etiquetaxes incorrectas que enganan quen compra e prexudican quen fai as cousas ben. Non é normal que haxa especies que acumulen unha porcentaxe errónea na etiquetaxe que chega a taxas de até 30 ou 20%. O Goberno debe actuar para garantir que o produto que figura na etiqueta é realmente o que chega ao prato” sinala Rego.
O BNG reclama tamén unha aposta decidida polo consumo de produtos pesqueiros de proximidade e unha revisión da normativa para endurecer os controis frente ás prácticas fraudulentas, adoptando medidas para mellorar a información os consumidores e a veracidade na etiquetaxe de forma que se garanta que o que mercan se corresponde co pagado.
“Defender os produtos das nosas lonxas é defender a calidade, a transparencia e o futuro dun sector estratéxico para a Galiza” conclúe o deputado nacionalista, sinalando que, se non se actuar ante esta fraude, o sector pesqueiro galego seguirá véndose afectado.