O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, acusou hoxe a Elena Candia de “mentir deliberadamente á veciñanza” cando aseguraba desde a oposición que o peche do after da rúa Tui podía executarse en apenas 24 horas. Para Fernández, o tempo acabou demostrando que aquelas afirmacións non só eran falsas, senón que responderon a unha estratexia de desgaste político baseada na demagoxia, a desinformación e a xeración consciente de crispación social.
“Candia enganou aos veciños e veciñas. Prometeu solucións imposibles, fixo afirmacións que sabía que non se axustaban á legalidade e utilizou un problema real de convivencia para sacar rendemento político. Hoxe queda acreditado que ou descoñecía por completo o funcionamento da Administración ou mentía de forma consciente”, afirmou o portavoz socialista.
Fernández lembrou que foi o anterior Goberno municipal, baixo a súa responsabilidade á fronte da Alcaldía, quen impulsou os expedientes necesarios para poñer coto aos problemas xerados por este establecemento. “Nós actuamos con rigor, con responsabilidade e dentro da legalidade. Fronte aos titulares fáciles e ás promesas imposibles do Partido Popular, puxemos en marcha os procedementos administrativos correspondentes para que os feitos denunciados tivesen consecuencias reais”, explicou.
O dirixente socialista destacou que a resolución finalmente adoptada é consecuencia directa do traballo desenvolvido polos servizos municipais e pola Policía Local, que instruíron os expedientes conforme á normativa vixente e ás garantías que esixe o procedemento administrativo. Así, as infraccións relacionadas coa saída de vasos e consumicións á vía pública derivaron nunha sanción económica de 1.803 euros, mentres que as reiteradas denuncias por superar o aforo máximo autorizado ao longo de 2025 remataron coa suspensión temporal da actividade ao ser esta a medida considerada máis adecuada polos técnicos municipais.
“Nós chegamos ata onde permitía a lei e fixémolo coa máxima contundencia posible. A decisión adoptada responde aos informes técnicos e á aplicación estrita da normativa. Precisamente o contrario do que facía Candia desde a oposición, cando prometía actuacións inmediatas que nunca tiveron encaixe legal”, sinalou.
Miguel Fernández advertiu ademais de que cuestionar agora o procedemento seguido supón “poñer en dúbida o traballo profesional, independente e rigoroso da Policía Local e dos técnicos municipais”. “Todos eles actuaron conforme aos informes emitidos, á lexislación vixente e ás garantías do procedemento administrativo. Quen pretende desacreditar ese traballo está faltándolle ao respecto aos empregados públicos e ás institucións”, afirmou.
O portavoz socialista foi especialmente duro coa actual alcaldesa, á que acusou de practicar unha oposición baseada na confusión e nos bulos. “O sucedido demostra a falta de seriedade e de rigor coa que Candia abordou este asunto durante meses. Alimentou expectativas imposibles entre a veciñanza, desinformou sobre o funcionamento dos expedientes sancionadores e contribuíu a aumentar a tensión social cun único obxectivo: obter rédito político”, denunciou.
Fernández concluíu asegurando que “a cidadanía merece responsables públicos que digan a verdade, aínda que ás veces sexa máis complexa que un titular fácil”. “Os procedementos administrativos funcionan sobre denuncias, informes técnicos, tipificación legal e resolucións motivadas. O resto son ocorrencias, propaganda e demagoxia. Hoxe queda demostrado quen traballou para resolver o problema e quen preferiu utilizalo politicamente”, rematou.