Ameijide considera que “esta é unha proba máis de que todo cambiou na Deputación de Lugo para que non cambiara nada”, que “Tomé continúa a ser o presidente na sombra” e indica que “falta por ver que fai a presidenta para saber se segue ou non secuestrada por Tomé”.
O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, pregunta a Carmela López se a achega de 2,1M€ en tres anualidades solicitada por José Tomé á Deputación de Lugo a través dun convenio de colaboración entre o Concello de Monforte e a institución provincial é “outra peaxe máis por ter apoiado o goberno de PSOE e BNG”.
O popular quere que a presidenta explique aos lucenses se vai continuar o modelo sectarista do seu predecesor á fronte da Deputación de Lugo. De feito, cre que “esta é unha proba máis de que todo cambiou na Deputación de Lugo para que non cambiara nada” e que “Tomé continúa a ser o presidente na sombra. Falta por ver que vai facer a presidenta e se segue ou non secuestrada por Tomé”.
De chegar a aprobarse ese convenio entre a administración local que dirixe Tomé e a Deputación de Lugo, “confirmarase que Carmela López non aposta pola igualdade de trato a tódolos Concellos da provincia, senón que prefire continuar a guiarse, como facía Tomé, por afinidades políticas en lugar de atender as necesidades reais de tódolos lucenses”.
Os populares subliñan que “entendemos que a Deputación de Lugo está para colaborar cos Concellos. Pero con todos. Non só con aqueles gobernados por PSOE e BNG”. Así, censuran “o modelo de PSOE e BNG de reparto a dedo dos fondos provinciais de tódolos lucenses” de forma que “sempre resulten beneficiados os mesmos Concellos” mentres que “máis da metade da provincia continúa discriminada porque non obtén esa colaboración por parte da Deputación de Lugo”.
O Plan Deputación, que é o instrumento de reparto de fondos provinciais máis xusto dos que dispón a institución provincial grazas a un acordo impulsado fai anos polo Partido Popular, chega a todos. Pero “os escollidos polo goberno de PSOE e BNG reciben, a maiores, fondos de tódolos lucenses para actuacións que os Concellos poden solicitar dentro dese Plan Deputación”.
Ameijide censura que “PSOE e BNG continúen empregando a Deputación de Lugo e os seus recursos, tanto técnicos como económicos, ao servizo de intereses partidistas, discriminando aos municipios en función da súa cor política e, incluso, neste caso poñendo os recursos provinciais a disposición dunha persoa que debería estar apartada da vida política”.
O popular reivindica “transparencia e igualdade de trato con tódolos Concellos e con tódolos lucenses” á hora de repartir os recursos públicos.
PSOE E BNG CONTINÚAN APOIANDO A TOMÉ
Coa aprobación do convenio solicitado, PSOE e BNG evidenciarían que “seguen apoiando a Tomé, a pesar de estar investigado pola Fiscalía por presunto acoso sexual”, censura Ameijide.
O popular lembra que “Tomé é o socio necesario do goberno provincial. Non só á hora de volver formar goberno tras a súa renuncia á presidencia – non á acta de deputado provincial nin á alcaldía de Monforte de Lemos-; senón tamén á hora de manter o bipartito na Deputación de Lugo”.
“Tanto PSOE e BNG que se erixen como defensores da moralidade e do feminismo, o que fan en realidade é taparse as costas, facer oídos xordos, garantir un posto co que seguir pisando moqueta e repartir o diñeiro público entre os seus amigos seguindo criterios partidistas e aumentando a discriminación e as diferenzas entre os Concellos da provincia en lugar de defender a igualdade real”, conclúe.