Meses despois, a veciñanza de Cervantes, segue a mobilizarse para reclamar unha atención sanitaria digna

Maruxa Bardasco “a realidade da montaña non pode medirse cos mesmos criterios que as áreas urbanas. Aquí a ausencia dun médico, o peche dun consultorio ou a redución dun servizo teñen consecuencias moito máis graves para a vida diaria das persoas.

A veciñanza de Cervantes concentrouse hoxe diante do consultorio de Doiras para denunciar a situación que atravesa a atención sanitaria no concello e reclamar solucións urxentes para garantir un servizo público esencial nun territorio especialmente afectado polo envellecemento da poboación, a dispersión xeográfica e a falta de alternativas de transporte.

Na mobilización, apoiada polo Bloque Nacionalista Galego, púxose de manifesto a preocupación existente pola continuidade do peche do consultorio de Doiras e pola falta dunha cobertura sanitaria estábel no centro de saúde de San Román.

A responsábel local do BNG en Cervantes, Maruxa Bardasco, advertiu de que “o acceso á sanidade estase convertendo nunha carreira de obstáculos para moitas persoas da montaña lucense”. Segundo explicou, “hai veciñas e veciños que teñen que percorrer longas distancias para recibir atención médica, nun concello onde moitas persoas maiores non dispoñen de medios propios para desprazarse”.

Bardasco sinalou que “a realidade da montaña non pode medirse cos mesmos criterios que as áreas urbanas. Aquí a ausencia dun médico, o peche dun consultorio ou a redución dun servizo teñen consecuencias moito máis graves para a vida diaria das persoas”.

Durante a concentración, a veciñanza expresou tamén o seu malestar polos reiterados anuncios sobre a reapertura do consultorio de Doiras que como todo o que anuncia o PP son papel mollado. Para o BNG, esta situación evidencia a falta de compromiso real da Xunta coa atención primaria no rural.

“Non estamos reclamando privilexios, estamos reclamando igualdade”, afirmou Bardasco. “As persoas que viven na montaña teñen o mesmo dereito a unha atención sanitaria próxima, accesíbel e de calidade que quen vive nunha cidade”.

Desde o BNG lembraron que a perda de servizos públicos acelera o proceso de despoboamento e dificulta a fixación de poboación no territorio. “Se queremos que a xente poida vivir e desenvolver o seu proxecto de vida no rural, é imprescindible garantir servizos básicos como a sanidade”, indicou a responsábel nacionalista.

A formación comprometeuse a continuar apoiando as reivindicacións da veciñanza e a trasladar esta situación ás diferentes institucións ata conseguir a reapertura do consultorio de Doiras e unha cobertura sanitaria suficiente e estábel para todo o concello de Cervantes.

Comparte éste artículo
No hay comentarios