A curtametraxe producida por Tetra Filmes recibiu unha gran acollida do público nunha sesión que incluíu actuación musical de Belém Tajes e un coloquio.
Máis de 550 persoas asistiron este mércores á preestrea oficial de CORRE no Teatro Colón da Coruña, nunha sesión que reuniu público xeral, profesionais do sector audiovisual, representantes institucionais e destacadas figuras da cultura galega. A resposta do público confirmou o interese xerado arredor desta curtametraxe producida por Tetra Filmes e dirixida por Saamira Ganay, que transforma A Coruña nun escenario distópico atravesado polo medo, o control social e a supervivencia.
Protagonizada por Lucía Veiga, Sara Miranda e a propia Saamira Ganay, CORRE constrúe unha historia íntima arredor de Iria, Amira e a súa filla Alex, unha familia obrigada a sobrevivir nun sistema autoritario nacido tras a chamada “revuelta de los inadaptados”. Nunha Coruña aparentemente normal, pero atravesada pola desinformación, os toques de queda e os chamados “nidos educativos”, as protagonistas tentan protexer á súa filla nun contexto no que determinadas identidades e formas de vida quedaron fóra da lei.
Tras a proxección, o público puido asistir a unha actuación musical de Belém Tajes, autora da banda sonora da película e unha das voces destacadas da música galega actual. A sesión completouse cun coloquio no que participaron integrantes do elenco, do equipo creativo e representantes de entidades vinculadas ás realidades sociais abordadas pola obra. A conversa permitiu afondar nos temas que atravesan a curtametraxe e deu lugar a momentos especialmente emotivos, nos que tamén houbo espazo para compartir experiencias persoais e reflexións arredor das problemáticas que a película pon sobre a mesa.
Lonxe dunha ciencia ficción afastada da realidade, CORRE propón unha reflexión sobre cuestións como a desinformación, o control da educación, a normalización dos discursos de odio ou a perda progresiva de dereitos, construíndo unha distopía incómodamente próxima alimentada por dinámicas sociais e políticas presentes na sociedade actual.
A película utiliza espazos recoñecibles da Coruña como María Pita ou a Torre de Hércules para construír un universo visual que dialoga directamente co presente. Entre os elementos máis singulares da produción destaca tamén a incorporación de audios reais enviados desde Gaza por Samer Alwazair, integrados no deseño sonoro da obra para establecer unha conexión entre a ficción e conflitos contemporáneos marcados pola violencia, o desprazamento e a supervivencia.
A boa resposta do público no Teatro Colón supón tamén un importante respaldo para o traballo desenvolvido por Tetra Filmes, consolidando unha aposta creativa centrada en historias conectadas coa realidade social e coa creación audiovisual contemporánea. CORRE inicia agora o seu percorrido por festivais nacionais e internacionais da man da distribuidora CityBlue Films, levando esta visión distópica da Coruña a novos públicos dentro e fóra de Galicia.