O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou o futuro hotel de Entrimo impulsado polo Concello como exemplo do modelo socialista de iniciativa de revitalización sostible do rural. Besteiro visitou, xunto co alcalde, Ramón Alonso, as obras do antigo casino convertido en centro hoteleiro polo impulso do Concello, que mobilizou 600.000 euros de fondos Next Generation xestionados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
O responsable socialista reivindicou o proxecto “impulsado polo Concello con fondos do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos para recuperar un inmoble histórico e convertelo nun motor de actividade para o Concello”, que permita “atraer visitantes, crear oportunidades e apoiar a actividade económica local”. Explicou que a iniciativa “representa o modelo de recuperación do rural que aposta polo crecemento sostible e a dotación de servizos” fronte ao “abandono do goberno galego”.
Explicou que “alá onde o goberno do PP na Xunta de Galicia pecha os ollos para deixar esmorecer o interior de Galicia, é onde os alcaldes e alcaldesas socialistas amosan o compromiso para fixar poboación e garantir actividade de futuro”. Comparou así Entrimo cos proxectos da estación de servizo de Ribeira de Piquín ou o supermercado de Pol, todos eles iniciativas fundamentais para garantir servizos amparadas polos gobernos municipais socialistas.
Besteiro salientou o traballo despregado no antigo casino, que no seu día fora centro neurálxico da vida social da Baixa Limia, aproveitando un entorno privilexiado achegado á Serra do Xurés e na ruta do Camiño Miñoto Ribeiro para construír un albergue económico de 26 prazas e un aloxamento hoteleiro con dez habitacións dobres.