O sindicato estima que 2836 pacientes, un 20 % máis ca o ano pasado, poderían ingresar e non o farán debido á redución da capacidade asistencial
A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia denuncia a decisión do Sergas de pechar ao redor de 700 camas hospitalarias este verán, unha medida que, segundo o sindicato, reducirá a capacidade asistencial da sanidade pública e contribuirá a incrementar as listaxes de espera. A organización calcula que 2836 pacientes poderían ingresar e non o farán como consecuencia desta decisión. Esta cifra supón un 20 % máis que en 2025, cando 2364 doentes que poderían ingresar non o fixeron.
Para CCOO, o peche de camas repite unha política que se aplica ano tras ano mentres milleiros de persoas continúan agardando por unha intervención cirúrxica, unha proba diagnóstica ou unha consulta especializada. O sindicato coida que a menor incidencia das enfermidades respiratorias e doutras patoloxías estacionais durante os meses de verán debería aproveitarse para aumentar a actividade programada e avanzar na redución das listaxes de espera.
A organización sindical sostén que unha xestión sanitaria eficiente debe empregar os períodos de menor presión asistencial para recuperar actividade pendente, reducir os tempos de espera e ofrecer unha resposta máis áxil ás necesidades da cidadanía. Pola contra, denuncia que o Sergas opta por reducir recursos asistenciais e limitar a súa capacidade de resposta.
CCOO critica tamén a infrautilización dos recursos públicos sanitarios. Segundo sinala, durante boa parte do ano existen recursos que non se aproveitan plenamente, con consultas, quirófanos, equipamentos diagnósticos e instalacións que permanecen sen actividade suficiente, especialmente en horario de tarde. O sindicato entende que esta capacidade dispoñible debería empregarse para aumentar a actividade asistencial e reducir as listaxes de espera.
Neste sentido, lembra que o peche de camas durante o verán non só reduce a capacidade de ingreso hospitalario, senón que supón a perda dunha oportunidade para atender máis pacientes, realizar máis intervencións e aproveitar mellor os recursos públicos xa existentes.
CCOO-Sanidade reclama unha mellor planificación dos recursos dispoñibles e insiste en que o peche de camas non contribúe a reducir as listaxes de espera, senón que as incrementa ao limitar a actividade asistencial nun momento en que sería posible reforzala.