A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou a Asociación de Mulleres Rurais A Xungueira, que recibiu unha axuda provincial de 9.598 euros para mellorar o seu local social.
A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, visitou hoxe a Asociación de Mulleres Rurais A Xungueira das Encrobas, en Cerceda, unha entidade que desde hai dúas décadas desenvolve un importante labor de dinamización social, cultural e comunitaria nesta parroquia.
Durante a visita, Capelán mantivo un encontro coas responsables da asociación para coñecer de primeira man a súa actividade, as necesidades do colectivo e as actuacións previstas no local social de Pontoxo, que conta cunha subvención da Deputación da Coruña de 9.598,92 euros.
A achega provincial destinarase ao acondicionamento deste espazo, co obxectivo de mellorar a súa seguridade e funcionalidade. O local constitúe un punto de encontro fundamental para a veciñanza das Encrobas e para o desenvolvemento das actividades que organiza ao longo do ano a asociación.
Cristina Capelán destacou que entidades como A Xungueira “cumpren unha función esencial na vida do rural, porque fomentan a participación veciñal e contribúen a que os pobos sigan vivos”.
“Os locais sociais coma este son espazos nos que a veciñanza se reúne, se forma e constrúe comunidade. Por iso é importante que conten con instalacións axeitadas, accesibles e confortables”, afirmou.
A Asociación de Mulleres Rurais A Xungueira das Encrobas conta actualmente con 85 socias e promove ao longo do ano numerosas actividades culturais, formativas e sociais, entre elas cursos, obradoiros, iniciativas vinculadas á igualdade e propostas orientadas á preservación da cultura tradicional galega.
Capelán puxo en valor o traballo desenvolvido pola entidade nunha parroquia marcada historicamente pola dispersión poboacional e polas transformacións derivadas da actividade mineira, e agradeceu “o compromiso das mulleres que durante anos mantiveron viva a actividade asociativa nas Encrobas”.