O concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Antonio Ameijide, deu a coñecer as melloras que o actual Goberno local pretende incorporar ao proxecto da fábrica da luz para completar a recuperación deste edificio emblemático da cidade situado nun lugar privilexiado á beira do rio Miño.
Ameijide explicou que o Concello recibiu un proxecto xa definido polo anterior Goberno municipal que contempla a habilitación dunha zona expositiva no edificio, pero que deixa sen resolver aspectos fundamentais para comprender a historia e o funcionamento da antiga central hidroeléctrica.
“Resulta difícil entender que se pretenda converter a Fábrica da Luz nun espazo visitable e que, ao mesmo tempo, pretendesen agochar con vinilo a verdadeira esencia da central, o que fóra precisamente aquilo que lle dá valor e sentido: as antigas turbinas, a maquinaria histórica e os elementos que explican o funcionamento da central”, sinalou Ameijide
O concelleiro explicou que o proxecto herdado do anterior Goberno municipal nin sequera prevía integrar estes elementos no percorrido expositivo. “A solución proposta era ocultalos tras vinilos colocados nas cristaleiras, impedindo que os visitantes puidesen contemplar unha parte fundamental do patrimonio industrial deste inmoble”, apuntou.
Durante a visita tamén se comprobaron outras deficiencias pendentes de resolver. Entre elas, o acceso á planta baixa, que segundo o proxecto anterior permanecía aberta sen as condicións de seguridade adecuadas; vendo as vergoñas dos proxectos fracasados destes 27 anos como a existencia dunha caldeira de dúcias de miles de euros sen estrenar e parcialmente inundada; ou un ascensor novo fóra de servizo por mor das inundacións .
Ameijide lembrou que a Fábrica da Luz leva décadas acumulando proxectos inacabados, investimentos millonarios e decisións erradas que impediron que este espazo chegase a cumprir a función para a que foi rehabilitado en varias ocasións.
“Estamos ante un exemplo de como non se debe xestionar o patrimonio público. Investiuse máis dun millón de euros na rehabilitación do edificio, fracasou a concesión que debía darlle uso, o Concello foi condenado a afrontar unha importante indemnización (2,5M€) e, mentres tanto, seguimos pagando por gardar nunha nave as turbinas que deberían estar instaladas e funcionando na propia Fábrica da Luz”, indicou.
Neste sentido, lembrou que as dúas turbinas que se fixeron para un deses proxectos fallidos coas que se pretendía xerar electriciade continúan almacenadas nunha nave situada no Corgo, o que obriga ao Concello a asumir desde marzo de 2022 un gasto mensual próximo aos 2.000 euros polo seu depósito. “Levamos preto de 100.000 euros gastados simplemente en gardar unhas pezas que foron deseñadas para producir enerxía e que nunca chegaron a cumprir a súa finalidade”, engadiu.
“O noso obxectivo é que a Fábrica da Luz deixe de ser un proxecto a medio facer e se converta nun equipamento útil, visitable e integrado na oferta patrimonial e turística da cidade”, explicou.
Sanear a contorna do edificio
O concelleiro referiuse tamén ao estado da contorna do inmoble, actualmente moi afectada pola presenza de maleza que impide apreciar boa parte do espazo e dificulta o acceso visual a zonas de gran valor ambiental. “Hai camiños que practicamente desapareceron e áreas de estancia e lecer que hoxe están ocultas pola vexetación”, apuntou.
Neste sentido, informou de que o Concello xa solicitou autorización á Confederación Hidrográfica Miño-Sil para poder acometer labores de limpeza e acondicionamento da zona coa maior rapidez posible.
“Queremos recuperar este espazo na súa totalidade. Non só o edificio, senón tamén a súa contorna, para que os lucenses poidan volver desfrutar dun lugar privilexiado á beira do Miño e para que a Fábrica da Luz teña por fin o protagonismo que merece dentro do patrimonio da nosa cidade”, concluíu.