Nicole Grueira denuncia que “está demostrado que Lino Rodríguez non está capacitado para ser o alcalde de Pol á vista de que unicamente se preocupa das súas prioridades, sen importarlle o que lle pase aos demais”.
A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, explicou que “tivemos coñecemento” de que se sancionou ao Concello de Pol polo uso irregular do autobús que mercou Lino Rodríguez “ao empregar este bus sen ter o título habilitante” motivo polo que o alcalde “ten a obriga de explicar de inmediato e publicamente para que está a empregar o bus e se pode garantir que se usa cumprindo sempre a legalidade”.
Nicole Grueira recorda que para poder empregar este bus, o Concello de Pol ten que cumprir unha serie de requisitos:
– Que o condutor sexa unha persoa cunha relación laboral directa co Concellode Pol
– Prohibición de transportar menores de idade
– Uso de tacógrafo en desprazamentos superiores a 50 quilómetros
– O condutor debe de ter o CAP en vigor
Ao non cumprir con todas estas condicións, o bus carece do título habilitante“motivo polo que se puxo a sanción”.
Ademais, Nicole Grueira explica que o pasado mes de xullo Lino Rodríguez empregou o bus municipal para transportar menores ao campamento de fútbol que se celebrou no municipio “a pesar de ter coñecemento expreso da prohibición de transportar menores de idade”.
A voceira popular explica que o alcalde incumpre tamén outra restrición que ten o bus que é “que unicamente pode realizar transporte de viaxeiros dentro de Pol e nunca entre municipios”.
Nicole Grueira afirma que “Lino Rodríguez en ningún momento pode alegar descoñecemento porque sabe perfectamente todos os condicionantes que rexen o uso do autobús que el mesmo se empeñou en mercar, e pese a ter coñecemento de todas estas limitacións no uso do autobús, Lino Rodríguez segue a chamarnos mentireiros, cando queda clara que o único mentireiro é el”.
Finalmente, a voceira popular en Pol afirma que “unha cousa é xogar cun balón ao fútbol e outra moi diferente xogar con saltar a lei que todos temos que cumprir” porque “o que está a facer Lino Rodríguez está fóra de toda lóxica e non é propio de ningún alcalde nin cargo público”. “Está demostrado que Lino Rodríguez non está capacitado para ser o alcalde de Pol á vista de que unicamente se preocupa das súas prioridades, sen importarlle o que lle pase aos demais”, sentenciou.