A cíclica e devastadora traxedia dos incendios forestais en Galicia non é unha fatalidade meteorolóxica ineludíbel, senón a crónica dun fracaso político e operativo cronificado. A vaga de lumes que dende o pasado 12-X azouta o noso territorio -deixando xa un balance de máis de 630 ha. calcinadas en Padrón, Boborás e Xermade- volve por de diante a alarmante falla de estratexia e a pasividade indolente da Consellaría do Medio Rural. Nun contexto de emerxencia climática evidente, onde o noso monte sufriu unha perda drástica de humidade do 50% en só catro meses e as temperaturas superaron os 35 graos no interior do país, o Goberno galego de Alfonso Rueda non foi quen a reaccionar con solvencia. A escusa burocrático-burrocrática de que o período oficial de «alto perigo» non se activa até o 1 de xullo amosa unha devala de responsabilidade clamorosa: o dispositivo de extinción atópase traballando a medio gas, sen o 100% dos seus efectivos dispoñíbeis sobre o terreo, mentres o satélite Copernicus alerta de focos activos e o país comeza arder polo sur.
Este escenario de desamparo noutrora evitábel provén directamente da clamorosa omisión de plans de restauración e prevención logo da catástrofe histórica de agosto de 2025. Nese fatídico verán, só a provincia de Ourense viu como o lume devoraba 56.145 ha, co macroincendio de Larouco como triste fito ao superar as 30.000 ha. arrasadas. Que fixo a Consellaría desde entón? A realidade dos feitos dinnos que a falla de obras de restauración hidrolóxico-forestal deixou o solo desprotexido diante das riadas invernais na zona oriental ourensá, mentres toneladas de madeira morta e biomasa seca seguiron abandonadas no monte. Esta flagrante falla de rozas e de ordenamento do medio converteu as áreas xa danadas no combustíbel perfecto para este 2026. Fronte isto, a propaganda oficial da Xunta escúdase na cifra de 213 M€ orzamentados e no deseño de sofisticados programas informáticos de Intelixencia Artificial como Spigal ou Alume. Porén, ningunha aplicación móbil nin ningún algoritmo poden substituír á falla de operatividade real de brigadas humanas nin ao xuízo crítico na xestión do territorio.
O fracaso na xestión do Goberno galego adquire unha dimensión humanamente dramática cando analizamos a vertente socioeconómica e a sufocante lentitude na chegada dos fondos ás familias damnificadas. As axudas directas para os particulares afectadas pelo Decreto autonómico 76/2025 atópanse nunha situación de parálise inaceptábel. O 27-M, no noso Parlamento, BNG e PsdeG fixéronse eco do queixume desesperado de centos de fogares vulnerábeis en Larouco, Oímbra ou Chandrexa de Queixa que, logo de se pechar o prazo de solicitude en novembro de 2025, seguen hoxe sen recibir un só euro nas súas contas para arranxar os danos en vivendas e bens mobles. Mentres a veciñanza agarda sumida na precariedade, a burocracia autonómica pon de escusa a lentitude das peritaxes, que haberían estar dispoñíbeis hai moitos meses. Galicia non pode aturar unha Consellaría de Medio Rural forte na propaganda electoral, mais neglixente, incompetente e pasiva á hora de defender os nosos montes e de protexer materialmente á nosa cidadanía. Actuar con dilación diante do lume e con mesquindade diante do sufrimento das nosas parroquias non é gobernar; é dimitir das obrigas máis elementais que definen de seu o noso autogoberno.
Para superarmos este colapso, urxe artellar alternativas dende un patriotismo intelixente e transformador. Comezando por unha reforma forestal que obrigue por lei á mobilización do solo abandonado, pondo couto ao monocultivo do eucalipto e á especulación. Do mesmo xeito, Galicia ha transformar o SEAGA nunha empresa pública de xestión ambiental que garanta a estabilidade de todo o persoal de extinción durante os doce meses do ano, profesionalizando o coidado do monte. Esta reestruturación habería de se alicerzar na nosa singularidade xurídico-territorial, outorgando competencias directas ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) para a xestión integral das franxas de seguridade arredor das aldeas e infraestruturas do seu ámbito, convertendo o tecido veciñal no primeiro escudo contra as lapas. Alen diso, a sustentabilidade do sistema esixe a creación dun fondo de compensación ambiental permanente financiado con impostos específicos ás grandes distribuidoras enerxéticas que hoxe espolian o noso rural.
Protexer a Terra dende a soberanía é a única vía para que Galicia non veña ser cinza.