Senador por la provincia de Lugo
O anuncio do Ministerio sobre a A-74 é puro fume. Despois de sete anos de Goberno de Sánchez, a autovía da Mariña segue exactamente igual: sen obras, sen orzamento, sen prazos e sen un só quilómetro executado. O PSOE prometeu que esta infraestrutura estaría en construción en 2024 e estamos en 2026 falando aínda de trámites e de papeis.
Pero é que ademais o que presentan agora nin sequera mellora o que deixara feito o Goberno de Rajoy. Ao contrario: recortan o proxecto. En 2018 falábase dun tramo de 11,5 quilómetros entre Foz e Barreiros e agora anuncian apenas 6,5. É dicir, menos autovía e máis propaganda.
E visto o ritmo ao que avanza esta infraestrutura, haberá quen pense que a A-74 xa non é unha autovía, senón unha infraestrutura imaxinaria. O PSOE a presenta en discursos, en notas de prensa e en campañas electorais, pero cando un vai buscala ao terreo descobre que segue vivindo exclusivamente no papel.
O máis curioso é que o Goberno pretende vender como un gran avance un proxecto máis curto ca o que xa estaba en tramitación hai oito anos. É coma se alguén presumise de chegar á meta despois de dar varios pasos cara atrás. A Mariña merece bastante máis ca este exercicio de ilusionismo administrativo: merece feitos, non fume.