O estudo, publicado na revista Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology e reseñado na prestixiosa revista científica Science,conclúe que esta subespecie africana de oso pardo baseaba a súa alimentación exclusivamente en plantas.
Un estudo levado a cabo no Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal por un equipo internacional de investigación da UDC, acaba de demostrar que o oso do Atlas (Ursus arctos crowtheri), unha subespecie extinta de oso pardo que habitou o norte de África ata épocas relativamente recentes, seguía unha dieta estritamente vexetariana
Os resultados deste traballo, que parte da tese de doutoramento da investigadora Shaymae Iken e no que participas tamén Aurora Grandal-d’Anglade e Gloria María González Fortes, do Grupo CULXEO, veñen de ser publicados en Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology e reseñados na revista científica Science.
A investigación achega nova información sobre a bioloxía desta subespecie, coñecida por habitar as montañas do Atlas e desaparecida probablemente como consecuencia da presión humana. A investigación permitiu reconstruír os seus hábitos alimentarios a partir da análise de restos fósiles procedentes de tres xacementos do norte de Marrocos, datados entre hai 11.000 e 10.000 anos.
Para levar a cabo o traballo, o equipo analizou o coláxeno conservado nos ósos dos exemplares fósiles. A través dunha técnica amplamente empregada para reconstruír dietas do pasado, os investigadores puideron determinar a posición dos animais na cadea alimentaria.
Os resultados revelaron niveis extraordinariamente baixos de nitróxeno pesado, incluso inferiores aos rexistrados en especies herbívoras coas que convivían, como ovellas ou antílopes. Segundo o equipo investigador, esta evidencia “apunta de forma clara a unha alimentación baseada exclusivamente en recursos vexetais”.
A investigación tamén constatou a ausencia de indicios de consumo de peixe, un feito especialmente rechamante tendo en conta a proximidade destes animais a zonas costeiras e cursos fluviais. Aínda que non foi posible identificar con precisión as especies vexetais consumidas, os investigadores consideran que a dieta podería incluír unha elevada proporción de leguminosas e breixos.
Unha adaptación singular
Segundo os autores, esta especialización alimentaria puido constituír unha estratexia adaptativa para reducir a competencia con outros grandes carnívoros presentes nos ecosistemas norteafricanos, como leóns, leopardos ou hienas.
A profesora da UDCAurora Grandal-d’Anglade explica que “os osos pardos son animais cunha grande flexibilidade ecolóxica, capaces de adaptar a súa alimentación ás condicións ambientais e aos recursos dispoñibles”. Neste caso, o oso do Atlas tería ocupado un nicho ecolóxico moi diferente ao doutros osos pardos actuais, caracterizados por unha dieta omnívora.
Os resultados contribúen a ampliar o coñecemento sobre a evolución e adaptación dos grandes mamíferos e ofrecen unha nova perspectiva sobre a diversidade ecolóxica que existiu dentro das distintas poboacións de oso pardo ao longo da historia.