Á vista dos problemas de cobertura móbil e da falta de despregamento da fibra óptica en moitos núcleos de poboación do municipio, “non encaixan os datos que ofrece o Goberno sobre a cobertura 5G na provincia”, segundo apuntan os senadores.
Os senadores do Partido Popular por Lugo levarán ao Senado os problemas de conectividade no municipio do Páramo tal e como lles trasladou o alcalde, Benjamín García, tras manter unha reunión de traballo.
José Manuel Balseiro e Juan Serrano realizaron unha visita ao Concello para poñerse a disposición do novo rexedor ao que lle trasladaron a súa vontade de colaboración, ademais da noraboa pola recente elección.
Os populares abordaron distintos temas de interese para o municipio e, especialmente, aqueles de competencia do Goberno de España como é o caso da conectividade. García explicou que “O Páramo ten moitos problemas de cobertura móbil e tampouco chega a fibra óptica a tódolos núcleos de poboación”.
Os populares condenan que “veciños, empresas e concellos do rural lucense continúen sufrindo importantes problemas de cobertura móbil e acceso a Internet, que dificultan as súas xestións diarias especialmente en amplas zonas do interior da provincia”. Ademais, subliñan que “á vista da realidade no municipio do Páramo, non encaixan os datos que ofrece o Goberno, que a cobertura 5G alcanza o 99,4% da poboación lucense”.
Os senadores comprometéronse a levar a situación concreta do municipio do Páramo á Cámara Alta onde recentemente o Grupo Popular logrou aprobar na Comisión de Transformación Dixital e da Función Pública, onde o PSOE se abstivo, unha iniciativa para esixir unha digna conectividade dixital e telefónica na provincia de Lugo.
Concretamente, o Senado insta ao Goberno de Sánchez dende o Senado a avaliar con rigor e transparencia o programa Único para saber o impacto real das políticas de conectividade no rural, redeseñalas, mellorar a coordinar entre as administracións, impulsar un plan específico para os núcleos máis illados, recoñecer como servizo universal a telefonía móbil e de datos e, sobre todo, garantir o acceso á telefonía móbil e a fibra óptica na totalidade da provincia “para que ningún veciño desconectado simplemente por vivir onde vive”.
Os representantes do PP lucense agardan que “o Goberno de Sánchez cumpra o mandato claro que lle deu o Senado en materia de conectividade” para “garantir cobertura, fibra e futuro para a nosa provincia”, subliñaron.