A portavoz, Olga Capón, lembra que “os reparos de Intervención non corresponden unicamente ao exercicio 2025, senón de forma reiterada nos últimos exercicios”.
O PP de Láncara condena “a falta de control” na xestión económica do Concello por parte do alcalde e do goberno socialista que non se axusta ao establecido por lei para moitos dos gastos municipais relacionados, principalmente, con contratos menores e a contratación temporal de traballadores.
Así se desprende do informe de Intervención en relación á Conta Xeral do exercicio 2025 que fala de “anomalías” poñendo como exemplos “reparos” dos que advirte ao longo do ano e de forma reiterada nos últimos exercicios. “Os reparos de Intervención, en certos gastos, non son unicamente do ano 2025; senón que tamén se daban nos anos anteriores”, explica a portavoz popular, Olga Capón.
O goberno socialista recorre constantemente a contratos menores, pero que “non son para nada menores” e que “deberían sacarse a licitación”. Nese sentido, “o propio servizo de Intervención insiste na “gravidade de non cumprir coa normativa vixente que obriga a licitar os servizos e subministracións que, sendo necesidades permanentes, superen a contía de contrato menor”.
Tamén advirte a popular dos continuos reparos que afectan aos gastos por necesidades permanentes e recorrentes sen expediente de contratación ou aos gastos sen consignación presupostaria e sen memoria técnica das obras. Nese sentido, a voceira do PP critica “a maneira de operar deste goberno local” porque “fan obras sen expedientes e despois chegan esas facturas sen que haxa fondos consignados para iso”. Tamén son habituais os reparos polos contratos laborais temporais ou polo pago de indemnizacións a persoal laboral por non existir relación de postos de traballo que recolla a correspondente contía a percibir de forma obxectiva.
A popular afea que “o goberno local non escoite as recomendacións de Intervención sobre a planificación dos gastos, sobre os procedementos que correspondan á hora de contratar e sobre a aprobación da Relación de Postos de Traballo”.
Capón condena que “o concelleiro de Facenda local quixera restar importancia ás irregularidades sinaladas por Intervención no último Pleno no que se aprobou a Conta Xeral cos votos a favor do PSOE e do BNG”.
O PP abstívose na votación porque “non podemos apoiar o proceder do alcalde e do goberno socialista”. Ademais, lembra que “a Comisión para abordar este tema foi convocada para só media hora antes do Pleno de maio, polo que non houbo practicamente tempo para falar”.
Os populares condenan que “un ano máis, no 2025, non se fixeron todas as obras presupostadas no orzamento para esa anualidade” e “das que se fixeron, quedaron mal” como é o caso das estradas municipais da zona da montaña sen cunetas e con pouco firme de forma que “no inverno, coa auga, volven aparecer fochancas”. Ademais, “deixaron a de Saa ao Busto (Cedrón) que resulta perigosa para os veciños e veciñas”, conclúen.