“Viaje a un Nuevo Mundo”: Enric Juliana e Esteban Hernández debaterán en Lugo sobre o escenario político actual

Enric Juliana e Esteban Hernández, xornalistas e analistas políticos e de actualidade, presentarán o próximo martes, día 30, en Lugo o libro do que son coautores ‘Viaje a un Nuevo Mundo‘, convidados pola Asociación de Prensa de Lugo. O acto será ás 18.30 horas no patio do Vello Cárcere.

Os autores acumulan unha longa traxectoria no xornalismo, con distintos cometidos e responsabilidades en varios medios de comunicación do país, polo que combinan experiencia, coñecemento histórico e capacidade interpretativa.

Nesta obra analizan como o mundo que coñeciamos deixou de existir.

Tratan cuestións como a crise do proxecto europeo, o ascenso dos liderados autoritarios, a transformación de Estados Unidos e a posición de España no novo escenario político.

O encontro con Juliana e Hernández tamén permitirá repasar algúns dos asuntos da actualidade nacional e coñecer a visión que teñen deles dúas persoas que están preto dalgúns dos seus protagonistas.

Enric Juliana

Nado en Badalona en 1957, é xornalista e ensaísta especializado na crónica política española. É adxunto ao director de La Vanguardia e delegado do diario en Madrid. Traballou en El País e TVE e foi corresponsal en Italia.

Colabora en radio e televisión e é autor de varios ensaios, entre eles ‘España, el pacto y la furia’.

Esteban Hernández.

Xornalista, ensaísta e licenciado en Dereito. Exerce como corresponsal político en El Confidencial, onde foi xefe de Opinión.

Colaborou en varios medios, como La Vanguardia e El Mundo, e é autor de varios libros nos que tratou a evolución da economía capitalista contemporánea e as batallas ideolóxicas da sociedade actual.

Comparte éste artículo
No hay comentarios