O colectivo LGTBQ+ convoca un encontro no CS Madia Leva para analizar a ameaza do neofascismo e organizar a resposta política

Ante o preocupante ascenso do discurso e as prácticas neofascistas, diferentes voces do colectivo LGTBQ+ fan un chamamento á organización e á autodefensa política. O próximo 27 de xuño, ás 17:00 horas, o CS Madia Leva acollerá un encontro aberto para analizar como esta deriva política ameaza directamente as condicións de vida do proletariado LGTBQ+.

O obxectivo da xornada é superar a análise superficial da situación actual e profundar na relación entre a precariedade económica, a clase social e a vulnerabilidade dos dereitos das persoas LGTBQ+. A convocatoria busca servir como espazo para o debate estratéxico: non só para identificar os riscos, senón para «armarnos politicamente» e construír ferramentas de resistencia eficaz fronte á arremetida contra as liberdades democráticas.

A organización destaca que este non será un acto pechado, senón un espazo de construción colectiva. Por iso, tras o debate político, organizarase un convivio e unha merenda para facilitar o intercambio de experiencias, opinións e perspectivas entre as asistentes, fortalecendo así os lazos de solidariedade comunitaria.

«A fronteira entre os dereitos básicos e a súa perda é cada vez máis difusa. É urxente que como proletariado LGTBQ+ tomemos consciencia da nosa posición e nos organicemos para defender as nosas vidas fronte a calquera tentativa de retroceso reaccionario», sinalan dende a organización.

A convocatoria é aberta a todas aquelas persoas preocupadas pola actual situación política e interesadas en participar na construción dunha resposta colectiva.

Datos do evento:

  • Data: 27 de xuño de 2026.
  • Hora: 17:00 h.
  • Lugar: CS Madia Leva.
  • Actividade: Debate político seguido de convivio e merenda.
Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios