A Alcaldesa de Lugo denuncia a «estratexia de ocultación» do BNG en materia cultural, facturas sen pagar e falta de transparencia

A Alcaldesa considera que as declaracións do BNG sobre unha suposta “parálise total” da programación cultural en Lugo son falsas, irresponsables e responden unicamente á frustración de quen perdeu o control dunha área que durante anos utilizou como se fose unha propiedade política particular.

“Non hai parálise cultural. O que hai é un BNG incapaz de asumir que a cultura en Lugo deixou de ser o seu cortijo”, sinala Elena Candia

Desde o Concello lembran que, desde a moción de censura do 7 de maio ata hoxe, Lugo mantivo unha intensa actividade cultural, institucional e festiva, con programación vinculada ás Letras Galegas, ao Día Internacional dos Museos, ao Zumbanocoiro, ao Arde Lucus, á Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, ao recoñecemento a Xoán Montes como Fillo Predilecto da cidade, ás visitas teatralizadas no Cemiterio de San Froilán, á axenda cultural semanal e ás actividades que se seguen impulsando para as vindeiras semanas.

“Só desde a mala fe política se pode falar de parálise nunha cidade que vén de celebrar o 25 aniversario do Arde Lucus con máis de 300 actividades, que mantivo programación cultural en distintos espazos municipais e que xa ten en marcha novas propostas para o mes de xullo”, afirma.

O Goberno municipal considera especialmente grave que o BNG critique unha programación que, en moitos casos, nin sequera coñece de primeira man. “O BNG fala de parálise cultural desde o descoñecemento máis absoluto: critican actos aos que nin sequera foron e negan unha programación que existe simplemente porque xa non a controlan eles”, sinalan.

Neste sentido, desde o Executivo local afirman que o BNG fala de parálise mentres ignora deliberadamente actos, actividades e propostas culturais que si se celebraron en Lugo nas últimas semanas. “Non se pode negar a existencia dunha programación simplemente porque xa non a controlen eles ou porque non lles interese recoñecer o traballo que se está facendo”, engaden.

O Goberno municipal subliña que o cambio real non é que se paralizase a cultura, senón que se acabou unha maneira sectaria, pechada e partidista de entendela. “Nesta nova etapa estanse escoitando todas as sensibilidades, todas as persoas e todos os colectivos que se achegan ao Concello con propostas. Escoitamos a quen pensa dunha maneira e a quen pensa doutra, porque a cultura de Lugo non pode depender da proximidade política ao BNG nin da súa rede de afinidades”, engaden.

Neste sentido, o Executivo local acusa ao BNG de pretender confundir á cidadanía para tapar a realidade da súa xestión anterior: unha área marcada pola improvisación, pola falta de planificación, polos pagos con reparos de legalidade, por expedientes que non sempre contaron coa tramitación adecuada e por unha forma de programar sen ter en conta se existían fondos consignados para asumir os compromisos adquiridos.

“Programar sen comprobar se hai crédito suficiente, deixar facturas pendentes e trasladarlle o problema ao seguinte Goberno non é facer política cultural: é actuar con irresponsabilidade. Así programa calquera”, sosteñen desde o Goberno municipal.

O actual Executivo está a atoparse agora con numerosas facturas da etapa anterior pendentes de pagamento, derivadas de decisións adoptadas polo BNG sen a suficiente previsión económica nin administrativa. “Mentres uns se facían fotos anunciando actividades, outros terán agora que ordenar expedientes, revisar facturas, atender reparos e dar saída a compromisos que quedaron sen resolver”, engaden.

Desde o Goberno municipal consideran especialmente grave que quen deixou esa situación pretenda agora acusar ao novo Executivo de parálise. “O BNG debería explicar primeiro por que programaba sen garantir a existencia de crédito, por que deixou facturas sen pagar e por que a área de Cultura acumulou expedientes con problemas de tramitación. Non están en condicións de dar leccións de xestión cultural”.

Un dos exemplos máis evidentes desa forma de actuar foi o Auditorio Municipal Fuxan os Ventos, que funcionou sen unha ordenanza reguladora, sen taxas aprobadas e sen un marco claro que garantise criterios obxectivos, igualdade de acceso e transparencia no uso deste equipamento público.

“O Auditorio Fuxan os Ventos non podía seguir funcionando como unha extensión da política cultural do BNG. É un equipamento público de todos os lucenses, non unha ferramenta ao servizo dun partido”, remarcan.

Por iso, o actual Goberno xa iniciou o procedemento para dotar o Auditorio dunha ordenanza que regule o seu funcionamento, os prezos públicos, as condicións de uso e os criterios aplicables ás entidades, colectivos e promotores que queiran utilizalo. “Iso é poñer orde. Iso é dar seguridade xurídica. Iso é garantir igualdade de condicións. E iso é exactamente o contrario do que viña facendo o BNG”, engaden.

Desde o Goberno municipal insisten en que a prioridade é abrir unha nova etapa cultural baseada na pluralidade, na transparencia, na participación e no respecto ao tecido cultural da cidade. “Lugo ten creadores, asociacións, entidades, músicos, artistas, colectivos e promotores con moito que achegar. O Concello ten que escoitalos a todos, non só aos que encaixaban na visión sectaria do BNG”.

“O BNG confunde que xa non manda na Cultura con que a Cultura estea paralizada. O que está paralizado é o seu modelo: un modelo pechado, partidista, sen ordenanza no Auditorio, con reparos de legalidade, facturas sen pagar e demasiadas decisións adoptadas sen a transparencia e a previsión que merece unha administración pública”, conclúen.

O Goberno local afirma que seguirá traballando para que a cultura en Lugo sexa de todos, chegue a todos os públicos e se xestione con rigor. “A cultura non pertence ao BNG, nin ao PP, nin a ningún partido. Pertence a Lugo. E precisamente por iso imos sacala da trincheira política na que algúns queren mantela”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios