Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte explican que “onte abandonamos o pleno, cansos de tantas mentiras, ataques e falsidades” por parte de goberno de José Tomé.
A voceira popular, Katy Varela, explica que “tomamos esta decisión porque estamos fartos de ver as constantes mentiras de Tomé e o seu equipo de acólitos, os mesmos que o seguen a soster na alcaldía a pesar de que a situación do alcalde o convida a marchar, en lugar de aferrarse ao cargo como a un cravo ardendo”.
Katy Varela sinala que “estamos fartos de escoitar improperios, das faltas de respecto, das mentiras e de poñer na nosa boca palabras que nunca dixemos”, sendo o colofón “ter que ver como Tomé tenta sacarlle ferro a súa situación xudicial”.
“Hai que recordar que a causa xudicial contra Tomé segue aberta, que hai cinco mulleres máis citadas a declarar e que non é unha situación á que quitarlle ferro, o que ten que facer o rexedor é deixar o cargo e defenderse na súa esfera privada en lugar de seguir a xudicializar vida diaria do Concello de Monforte”, afirmou.
Neste punto, Katy Varela quere facer unha inflexión e esixe unha rectificación inmediata de Tomé: “Onte foi a segunda ocasión na que dixo que el e eu estabamos na mesma situación. Iso é totalmente falso. El e eu somos dúas persoas completamente distintas. E eu non estou acusada de presunto acoso sexual, algo que Tomé si”, denunciou.
“Eu non estou investigada por un xuíz nin por un fiscal. Eu non estou denunciada por ningún afiliado do Partido Popular. Tomé está inmerso nunha investigación xudicial e o fiscal provincial foi o que dixo que hai que seguir investigando, que de momento non hai arquivo posible da causa”, ao que engadiu que “nótase que Tomé está moi nervioso, non para de dicir que todo está xa arquivado, pero a única realidade polo de agora é que a investigación segue e van a declarar cinco mulleres máis”.