O PP solicita acceso ao expediente completo no que José Tomé solicita “achega orzamento” a PSOE e BNG

Ameijide: “Esiximos total transparencia. Os lucenses teñen dereito a saber que fondos se lle están facilitando ou que está a solicitar un expresidente acusado por graves delitos de índole sexual mentres o goberno provincial mira para outro lado”.

O Grupo Provincial Popular vén de solicitar acceso e copia completa do expediente relativo a unha petición xenérica presentada polo expresidente da institución, José Tomé Roca, que ten como asunto “achega orzamento” para “que dunha forma totalmente transparente todos os lucenses coñezamos se PSOE e BNG seguen a financiar ao expresidente da Deputación”.

O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, explica que o único obxectivo que temos é “dar luz” a esta petición que vemos “altamente sospeitosa” debido á opacidade coa que se está a xestionar por parte do goberno de coalición do PSOE e o BNG.

Segundo consta no rexistro presencial de entrada da Deputación con data do 27 de abril de 2026, José Tomé Roca presentou unha “solicitude xenérica” cuxo asunto explícito é a “Achega de orzamento”, unha descrición que “resulta ambigua tendo en conta a situación xudicial e política do expresidente”.

“Queremos saber con exactitude que está a pedir o señor Tomé e que fondos ou compromisos económicos lle está a facilitar o goberno de PSOE e BNG”, xa que “ninguén pode esquecer que seguen a formar goberno grazas ao voto favorable desta persoa, investigada por presunto acoso sexual”. 

“Non imos tolerar que se utilicen os cartos de todos os lucenses para soster, de xeito encuberto, a quen tivo que abandonar a presidencia pola porta de atrás e con graves acusacións por diante”, afirmou.

Cómpre recordar que José Tomé é o protagonista do maior escándalo institucional da Deputación, tras a querela presentada pola Fiscalía por presunto acoso sexual no exercicio da función pública, ao ser acusado de ofrecer postos de traballo en administracións públicas a cambio de favores sexuais.

Ameijide lamentou que, malia a gravidade extrema destas acusacións e a súa imputación xudicial, tanto o PSOE coma o BNG continúen mantendo unha actitude “cómplice e protectora”. “Resulta inadmisible que nacionalistas e socialistas sigan apoiando e financiando a Tomé; a Deputación de Lugo non pode ser o fondo de rescate nin a protección política de ninguén, e moito menos de alguén acusado de utilizar as institucións para, presuntamente, o acoso sexual”, lamentou.

“Agardamos máxima celeridade na posta a disposición do expediente, senón teñen nada que agochar, xa que, sobre todo neste asunto, a transparencia é fundamental”, sentenciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios