A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha reunión de coordinación coa secretaria xeral de Política Social, María Francisca Gómez Santos, e co subdirector de ALUME, Santiago Aarón Argudo, para facer seguimento dun dos proxectos prioritarios do Goberno municipal: o futuro centro que a Asociación Lucense de Axuda a Enfermos Mentais habilitará na antiga sede de Aspnais.
No encontro confirmouse que o proxecto básico do novo centro estará rematado a finais deste mes, un paso previo á solicitude da correspondente licenza urbanística e que permitirá continuar coa tramitación dunha infraestrutura chamada a converterse nun dos principais recursos de atención ás persoas con problemas de saúde mental da cidade.
O futuro equipamento contará con 25 prazas residenciais, unha vivenda, 40 prazas de centro de día e un Centro de Promoción da Autonomía Persoal (CPAP) con capacidade para atender a 85 persoas, ampliando de maneira significativa os recursos especializados dos que disporá Lugo.
Durante a reunión tamén se confirmou a eliminación do muro exterior do recinto, unha actuación que permitirá integrar mellor o complexo na contorna, mellorar a súa accesibilidade e crear un espazo máis aberto e amable.
Elena Candia destacou que este é un dos proxectos que forma parte do compromiso do goberno municipal por construír un Lugo que poña ás persoas no centro das políticas públicas e suporá ampliar os recursos asistenciais e sociosanitarios da cidade.
A alcaldesa subliñou que o Concello continuará mantendo unha coordinación permanente coa Xunta de Galicia e coas entidades sociais implicadas para garantir que este proxecto continúe avanzando conforme aos prazos previstos e poidan materializarse o antes posible.