O PP pedirá no pleno que os fondos para a fonte ornamental do parque dos Condes se destinen a investimentos útiles para a veciñanza

Os populares instarán ao pleno a que, no caso de que sexa posible, se desbote a construción da fonte e, no seu lugar, se opte por outro tipo de actuación máis idónea para toda a veciñanza: “Non se trata de facer obras para a grandeza do alcalde de Monforte senón de levar a cabo actuacións que melloren a calidade de vida de todos os monfortinos”.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte defenderán no vindeiro pleno unha iniciativa para solicitar ao goberno local que, no caso de ser posible, dea marcha atrás co plan de José Tomé de instalar unha fonte ornamental no parque dos Condes, que suporá a eliminación de parte da zona verde e de vexetación, e se opte por realizar outro tipo de actuacións máis beneficiosas para a veciñanza, como instalar unha cuberta para que o entorno se poida empregar durante todo o ano.

Os concelleiros populares explican que habilitar este espazo cuberto posibilitaría que se empregase esta zona verde a resgardo da chuvia durante o inverno e do sol durante o verán, xa que se trata dun espazo moi empregado polos monfortinos para o tempo de lecer.

O proxecto que presentou hai unhas semanas José Tomé prevé a construción dunha fonte de 25 metros de diámetro, cun investimento duns 677.000€, uns traballos que prevén a eliminación de parte da zona verde e de vexetación. 

“No caso de que este proxecto sexa realidade serán os veciños que utilizan esta zona verde os máis afectados ao eliminarse parte do espazo que empregan para o seu tempo de ocio, polo que o máis idóneo semella habilitar unha zona cuberta”, sinalan.

Neste senso, dende o PP de Monforte denuncian que “Tomé destina case 700.000€ a unha fonte ornamental para tentar asegurarse un legado” en lugar de “pensar realmente nas necesidades dos monfortinos xa que, seguramente, un dos fins aos que se poderían destinar eses fondos é a mellorar a rede de abastecemento e saneamento ou a levar estes servizos a aquelas zonas do municipio e ás parroquias que carecen del”.

Por este motivo, os concelleiros populares instarán ao pleno a que, no caso de que sexa posible, se desbote a construción da fonte e, no seu lugar, se opte por outro tipo de actuación máis idónea para toda a veciñanza. “Non se trata de facer obras para a grandeza do alcalde de Monforte senón de levar a cabo actuacións que melloren a calidade de vida de todos os monfortinos”, sinalaron.

Comparte éste artículo
No hay comentarios