Rubén Arroxo rexistra a súa candidatura a cabeza de lista do BNG de cara ás eleccións municipais de 2027

Arroxo: “Nestas eleccións o BNG liderará a volta dun goberno de progreso á cidade despois do movemento antidemocrático do PP apoiado nunha concelleira tránsfuga”.

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, vén de rexistrar a súa candidatura para encabezar a lista de cara ás eleccións municipais do 2027. Rubén Arroxo presentou a súa candidatura acompañado polo responsábel local da organización, Antón Bao, as concelleiras e concelleiros do BNG en Lugo e polas deputadas Olalla Rodil e Montse Valcárcel, e afirmou que “no 2027 a veciñanza demostrará que Lugo non paga traidores”. Arroxo afirmou que “as urnas demostrarán que a veciñanza está en contra do transfuguismo e mandarán ao PP de novo á oposición”.

Arroxo reivindicou tamén o traballo desenvolvido polo BNG durante os últimos sete anos no goberno municipal, asegurando que “foron 7 anos dun goberno de dignidade, de seriedade e de moito traballo”, nos que “conseguimos grandes transformacións para a nosa cidade”. O portavoz nacionalista afirmou que “o Partido Popular foi incapaz de cuestionar un só proxecto impulsado polo BNG durante estes anos”, e asegurou que “iso demostra a capacidade de xestión e de transformación do Bloque cando ten responsabilidades de goberno”.

O candidato nacionalista sinalou ademais que “a inmensa maioría do traballo que fixemos sempre o fixemos escoitando á veciñanza”, e avanzou que o BNG “seguirá estando ao lado dos veciños e veciñas desde a oposición, coa mesma responsabilidade e coa mesma vontade de mellorar Lugo”. Arroxo asegurou que “agora abrimos un novo escenario e un novo reto: conseguir que en 12 meses Lugo volva ter un goberno de progreso liderado polo BNG”, e concluíu afirmando que “o BNG aspira a acadar a alcaldía porque é o mellor momento da historia para facelo”.

Rubén Arroxo afirmou que ao PP non lle importa Lugo e puxo o exemplo dos investimentos da Xunta nos últimos 17 anos “paralizando proxectos como a recuperación da Tinería, o Museo da Romanización ou o Plan Paradai”. Fronte á “parálise” que supuxo o PP para Lugo, “desde o BNG imos seguir traballando por e para os veciños e veciñas, desde o convencemento de que Lugo merece máis”.

O Responsábel local do BNG, Antón Bao explicou que “o tempo de presentación de candidaturas remata este xoves día 14 e o proceso de elección do candidato do BNG é aberto e democrático”, e engadiu “a asemblea local reunirase durante o mes de maio para escoller a cabeza de lista de cara ás eleccións de 2027”. A proposta que aprobe a Asemblea Local será posteriormente refrendada polo Consello Comarcal e polo Consello Nacional do BNG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios