A Deputación da Coruña e o Concello de Paderne invisten 112.590 euros na mellora da estrada de Brión a Vigo

O acordo de colaboración foi asinado hoxe polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Paderne, Sergio Platas.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e ao alcalde de Paderne, Sergio Platas, asinaron hoxe un convenio de colaboración para financiar as obras de mellora e pavimentación da estrada municipal que conecta os lugares de Brión e Vigo.

As obras suporán un investimento de 112.590,88 euros. A través deste convenio, a Deputación da Coruña asumirá unha achega máxima de 90.072,70 euros, o que representa o 80% do investimento global do proxecto, mentres que a contía restante será asumida polo Concello de Paderne con cargo aos seus recursos propios. Con este investimento conxunto acometerase unha renovación integral da capa de rodadura do vial, que actualmente presenta importantes deficiencias para o tránsito de vehículos. 

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, puxo en valor a firma deste convenio sinalando que esta colaboración económica co concello demostra o “compromiso do goberno provincial coa mellora da calidade de vida no rural”. Formoso destacou que “garantir unhas comunicacións seguras e dignas” é unha prioridade para a institución, xa que o bo estado das estradas municipais resulta fundamental para o día a día da veciñanza.

A necesidade da intervención viuse motivada polas malas condicións nas que se atopa o firme da estrada, que presenta numerosas fochancas e fendas na superficie, o que supón un risco para a seguridade viaria dos usuarios do vial.

Os traballos previstos inclúen labores de limpeza da superficie co uso de cepillos de arame, o estendido dunha nova capa de mestura bituminosa en quente e o pintado de novas marcas viarias reflectantes xunto coa colocación da sinalización vertical correspondente.

Pola súa banda, o alcalde de Paderne, Sergio Platas, agradeceu a colaboración da Deputación no arranxo dunha estrada que mellorará o tráfico na parroquia e que beneficiará a “ducias de veciñas e veciños”. “Quero dar as grazas ao presidente e á Deputación polo compromiso que demostran con Paderne, non só nesta obra, senón atendendo as nosas demandas durante anos. Hai que lembrar que, sen a axuda da Deputación, os concellos pequenos coma Paderne non poderiamos acometer certos proxectos por falta de capacidade investidora”, explicou o rexedor.

Comparte éste artículo
No hay comentarios