Menos de 2 meses despois das tomas de posesión dos 2 arquitectos superiores, un xa marchou e a que quedaba anunciou a súa intención de cambiar de Administración.
No Pleno desta semana coñeceuse a noticia da intención da única Arquitecta Superior que quedaba no Concello de Culleredo de cambiar de Administración e abandonar o seu actual posto de traballo.
Este ano foron dúas as persoas que tomaron posesión de prazas na categoría de Arquitecto Superior no Servizo de Urbanismo de Culleredo, e aos poucos meses o abandonaron.
Dos 8 postos de traballo que ten o Servizo de Urbanismo só estarían ocupados 3, quedando vacantes: 2 postos de arquitecto superior, 1 de asesoría xurídica e outros 2 de administrativos. Isto provoca que a Área de Urbanismo estea totalmente paralizada.
A maiores, en 4 anos pasaron polo Concello de Culleredo 4 Secretarios municipais, outra figura fundamental en calquera administración local.
Hai que preguntarse o porqué desta sangría constante de persoal altamente cualificado e que ten que asumir grandes responsabilidades na Administración. Algo moi grave está a pasar dentro da Casa do Concello, como denunciou en reiteradas ocasións o BNG, que chegou a pedir a recusación e o cese da Concelleira de Persoal, Marta Figueroa.
Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, «a José Ramón Rioboo parece que lle estorban os funcionarios con capacidade de emitir informes e de avaliar a legalidade das actuacións do Goberno Municipal. Por iso tornan o ambiente totalmente irrespirábel até que logran a súa marcha, sen importarlles as consecuencias para o Concello e a veciñanza«.