O PP denuncia que o Goberno admite cinco anos de parálise na A-56 e segue sen facer nada por conectar Lugo con Ourense

Os popular seguirán reclamando no Senado un calendario concreto para a execución da A-56 e tamén da A-76 (Ourense – Ponferrada), así como os investimentos necesarios para desbloquear ambas as infraestruturas.

Os senadores lucenses do Partido Popular denunciaron hoxe que o Goberno de Pedro Sánchez «vén de recoñecer por escrito cinco anos de absoluta parálise na autovía A-56», ao admitir na resposta a unha iniciativa parlamentaria que a execución das actuacións nesta infraestrutura na provincia de Lugo se concentrou exclusivamente nos anos 2018, 2019 e 2020, sen facer referencia a ningunha actuación executada desde entón.

Os parlamentarios populares lembran que solicitaran información detallada sobre as partidas orzamentarias consignadas para a A-56 desde 2019 e o seu grao de execución, pero o Goberno «eludiu responder ao que se lle preguntaba e acabou recoñecendo, de forma implícita, que desde 2020 non ten absolutamente nada que presentar aos lucenses nesta infraestrutura».

«Cinco anos perdidos para Lugo»

Os senadores do PP consideran que a resposta oficial «constitúe unha confesión do abandono que sofre a provincia de Lugo en materia de infraestruturas viarias».

«É moi significativo que o propio Goberno sitúe as últimas actuacións na A-56 no ano 2020. Iso significa que durante os últimos cinco anos non foi capaz de impulsar nin un só avance relevante nunha autovía estratéxica para comunicar Lugo con Ourense e mellorar a vertebración do interior de Galicia», denuncian.

Ao seu xuízo, «o Executivo leva anos instalando esta infraestrutura nunha permanente vía morta, mentres continúa acumulando anuncios, promesas e orzamentos que nunca se traducen en obras».

A mesma situación na A-76

Os senadores populares advirten de que esta falta de compromiso tamén queda patente na resposta sobre a A-76 (Ourense-Ponferrada), na que o Goberno recoñece que entre 2019 e 2026 a súa actividade se limitou á redacción dun proxecto, sen informar de avances reais na execución da autovía.


«Estamos diante dunha política baseada en prolongar indefinidamente estudos e proxectos mentres as infraestruturas que Lugo necesita continúan sen materializarse», sinalan.

Esixen feitos e non máis escusas

Os senadores lucenses do PP anuncian que seguirán reclamando no Senado un calendario concreto para a execución da A-56 e da A-76, así como os investimentos necesarios para desbloquear ambas as infraestruturas.


«Os lucenses levan demasiados anos escoitando promesas. O que necesitan agora son máquinas traballando e obras executándose. O Goberno xa non pode ocultar que leva cinco anos sen avanzar na A-56 porque é el mesmo quen o recoñece nas súas respostas oficiais», conclúen.

Comparte éste artículo
No hay comentarios