A Deputación da Coruña adquire o antigo local da Cámara de Comercio de Santiago para abrir a nova sede da institución provincial na cidade

Formoso destaca que este novo espazo permitirá “achegar a Deputación á cidadanía, ofrecer servizos útiles e abrir a institución á actividade económica, social e cultural”.

A Deputación da Coruña vén de adxudicar o contrato para a adquisición do inmoble que acollerá a súa nova sede da institución provincial en Santiago de Compostela, que xunto coa de Ferrol serán as primeiras sedes provinciais que a institución abrirá fóra da cidade da Coruña dentro da súa estratexia de descentralización, modernización dos servizos e proximidade á cidadanía.

O contrato foi adxudicado á Cámara de Comercio de Santiago de Compostela por un importe de 850.000 euros, o que supón un aforro de 275.300 euros con respecto ao orzamento máximo de licitación previsto, que ascendía a 1.125.300 euros.

O inmoble está situado no número 44 baixo da rúa San Pedro Mezonzo, no Ensanche compostelán, nunha zona céntrica, con elevada actividade comercial e administrativa e moi próxima á estación intermodal Santiago de Compostela-Daniel Castelao, situada a uns 200 metros. A memoria técnica destaca tamén a existencia de paradas de transporte urbano no contorno inmediato, a máis próxima a 90 metros, así como a boa dispoñibilidade de aparcadoiros públicos nas proximidades.

O local conta cunha superficie rexistral de 835 metros cadrados e unha superficie catastral de 874 metros cadrados. 

A partir de agora, a Deputación iniciará os trámites necesarios para executar as obras de acondicionamento e reforma interior do inmoble, co obxectivo de adaptalo ás necesidades e aos usos previstos. A futura sede acollerá a oficina de recadación tributaria de Santiago, un espazo de traballo colaborativo ou coworking, sala de reunións, auditorio e aula de formación, ademais de dependencias institucionais para actos, encontros e presentacións.

A zona de recadación disporá de máis de 200 metros cadrados, con área de espera pública, espazo de atención e traballo con capacidade para 17 postos e despacho independente para a xefatura de zona. O inmoble contará tamén con zona de arquivo e almacén, aseos accesibles, sala de reunións de arredor de 39 metros cadrados, un auditorio e aula de formación de máis de 110 metros cadrados e un espazo institucional duns 90 metros cadrados.

O local ocupa integramente a planta baixa do edificio, ten acceso directo desde a rúa San Pedro Mezonzo e dispón xa dun itinerario accesible sen barreiras arquitectónicas. A memoria sinala ademais que o inmoble se atopa totalmente acondicionado, con fachada rematada, acabados interiores en bo estado e conexión ás redes de subministración de electricidade, auga potable, saneamento e telecomunicacións.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que esta actuación forma parte da aposta do goberno provincial por “achegar a Deputación á cidadanía, ofrecer servizos útiles e abrir a institución á actividade económica, social e cultural”.

Formoso subliñou que a nova sede en Santiago permitirá “prestar unha mellor atención á cidadanía”, ao tempo que contribuirá a facer da Deputación “unha administración máis cercana, máis accesible e máis útil”.

A apertura desta nova sede en Compostela enmárcase no proceso de descentralización e modernización impulsado pola Deputación da Coruña, que inclúe tamén a nova sede institucional de Ferrol. Con ambas actuacións, a institución provincial reforza a súa presenza no territorio e facilita unha relación máis directa coa cidadanía da provincia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios