Os populares lembran que “continúa habendo facturas sen pagar, non convocaron Pleno ordinario dende fai 7 meses e, a pesar de contar con maioría, non teñen aprobados os orzamentos municipais do 2026”.
O Partido Popular de Lourenzá lamenta que a alcaldesa e o goberno socialista “dediquen máis esforzos a intentar botar a culpa a outros e desacreditar á oposición, nun intento por desviar a atención da verdadeira situación do Concello, que a resolver os problemas reais do Concello e dos veciños e veciñas”.
“O propio goberno recoñece un problema de falta de control na xestión ao ter que recorrer ao remanente de tesourería para pagar facturas atrasadas”. Pero, ademais, “continúa habendo facturas sen pagar a pequenas e medianas empresas locais”, suman xa 7 meses sen convocar Plenos ordinarios -motivo polo que o PP presentou queixa formal ante a Valedora do Pobo- e, a pesar de dispoñer de maioría, non teñen aprobados os orzamentos municipais do 2026.
Estes son algúns dos exemplos da falta de traballo do goberno local socialista aos que hai que engadir “outros que nada teñen que ver coa falta de secretario”: licenzas sen resolver dende o 2024 -a pesar de que numerosos expedientes contan con informes favorables doutras administracións-, contratos caducados -coma o do SAF-, a renuncia a subvencións por non tramitar correctamente os expedientes, os premios do Entroido sen entregar, a falta de reposición dos cristais da pista municipal de pádel ou sancións administrativas -como as do Punto Limpo por non atender as advertencias- que pagan todos os veciños e veciñas.
Outras situacións que afectan directamente aos laurentinos e “non poden explicarse exclusivamente pola falta dun funcionario” son a existencia dun elemento perigoso na Praza Echevarría que segue sen retirarse a pesar de que provocou a caída dunha viandante que tivo que ser indemnizada. Ou as indemnizacións a usuarios da estrada municipal que vai dende Vilanova a San Xusto polo seu deficiente estado de conservación. Ou a obriga, por sentenza firme, de readmitir a unha traballadora do servizo de turismo.
Os concelleiros do PP “levamos tempo denunciando o abuso da contratación verbal” ante o que reclaman “maior seguridade xurídica” e “transparencia”. Precisamente de “falta de transparencia» é do que presume o goberno municipal, pero “non deu ningún tipo de explicación sobre os asuntos tratados no Pleno extraordinario antes de que informara o Partido Popular, senón despois”.
Os representantes do Partido Popular de Lourenzá continuarán a facer o seu traballo “fiscalizando a acción do goberno e defendendo os intereses dos veciños”. Para iso, “revisamos a documentación oficial, analizamos as intervencións dos plenos e escoitamos as preocupacións dos veciños poñéndoas de manifesto para que darlles solución”. Nese sentido, aseguran que “non somos nós os responsables da mala imaxe do Concello de Lourenzá, senón o propio equipo de goberno”, conclúen.