Os concelleiros do PP subliñan que “no expediente aprobado neste último Pleno extraordinario tamén se atoparon erros coma a duplicidade de partidas duns 45.000 euros e un maior gasto que no expediente sobre o que desistiu a alcaldesa”.
O Grupo Municipal Popular acusa á alcaldesa de “someter ao Concello de Burela a unha degradación institucional” ao encadear irregularidades e avanza que “non imos quedar de brazos cruzados: imos tomar medidas para restituír a legalidade subtraída pola señora López Moreno”.
Así o expuxo o portavoz, Manuel Rouco, despois do último Pleno extraordinario celebrado o pasado luns cun único punto da orde do día que era un expediente cuxa base é exactamente igual á doutro expediente de suplemento de crédito elevado ao último pleno ordinario e que quedara enriba da mesa.
Nese sentido, aclara que “o expediente debería volver a traerse a Pleno, que é o único órgano que ten a competencia de aprobalo ou rexeitalo; pero a alcaldesa desistiu de forma unilateral, por providencia de alcaldía, algo que é totalmente ilegal segundo o ordenamento xurídico”.
O popular lembra que “o expediente anterior fora retirado polos cuantiosos e numerosos erros que se atoparon no mesmo, con cantidades que non tiñan ningún sentido”.
E, neste último expediente que aprobaron en virtude da maioría que ten no Pleno o equipo de goberno da señora López Moreno que apoiou a súa irregularidade, tamén se atoparon erros: un maior gasto que no expediente sobre o que desistiu a propia alcaldesa e a duplicidade de partidas duns 45.000 euros que foi corrixida tras ser detectada polos populares na Comisión Informativa previa.
PREPOTENCIA
A rexedora socialista “volveu facer alarde da súa prepotencia asumindo competencias que lle son totalmente alleas e impropias”. Nese sentido, os populares consideran “un esperpento a autocompracencia da señora López Moreno por crer que pode facelo todo e estar por riba de lei tomando decisións que non lle corresponden, senón que son competencia do Pleno, o máximo órgano de goberno do Concello e onde reside a soberanía dos veciños e veciñas de Burela”.