O portavoz socialista cualifica a decisión de «peor erro estratéxico» para a cidade, xa que supón perder os fondos europeos da Estratexia Novo Norte para modernizar o barrio máis poboado.
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, cualificou hoxe de «gravísimo erro estratéxico» a decisión do Goberno de Candia de frear a reforma integral da Avenida da Coruña. Esta actuación, incluída na Estratexia Novo Norte e financiada con fondos europeos, representaba, segundo advertiu, «a maior oportunidade das últimas décadas para transformar urbanística, económica e socialmente a zona norte de Lugo».
Fernández anunciou que solicitará formalmente á alcaldesa que rectifique e lamentou que o actual Executivo «antepoña os seus intereses partidistas ao futuro da cidade». «Candia demostra que é capaz de renunciar a proxectos estratéxicos simplemente porque non levan a súa sinatura. É unha forma de gobernar profundamente lesiva para Lugo», afirmou.
O líder socialista lembrou que a zona norte concentra a maior densidade de poboación do municipio, pero presenta un urbanismo do século XX que require unha profunda modernización. «Falamos dos barrios con maior necesidade de espazos públicos, zonas verdes e itinerarios peonís seguros. Renunciar a isto é condenar a miles de veciños da Milagrosa, o barrio Feijoó ou A Piringalla a seguir convivindo cun modelo urbano superado», explicou.
Un novo modelo de mobilidade
Miguel Fernández incidiu en que a reforma, consensuada co tecido asociativo, respondía a unha planificación integral da mobilidade. «A Avenida da Coruña deixou hai tempo de ser o principal acceso á cidade; hoxe esa función cúmprea a Avenida Infanta Elena, moito mellor dimensionada», sinalou.
O proxecto do anterior Goberno apostaba por converter a Avenida da Coruña nun gran bulevar urbano de dirección única, gañando espazo para os peóns e fortalecendo a actividade da que é a avenida comercial máis longa de Galicia. «As cidades modernas reducen o espazo ao vehículo privado para devolvelo ás persoas e dinamizar o comercio local. Candia pretende facer exactamente o contrario», criticou.
Esta transformación estaba directamente vinculada á culminación da Segunda Rolda, unha infraestrutura clave para canalizar o tráfico interno norte-sur. Neste sentido, Fernández insistiu en que é prioritario executar dúas actuacións xa previstas: eliminar o tapón na contorna de Dona Urraca e conectar a rúa Escultor Asorei coa rúa Amizade mediante as correspondentes expropiacións.
«Eses dous puntos son fundamentais para distribuír o tráfico de maneira racional. Só así ten sentido transformar a Avenida da Coruña nun espazo pensado para as persoas e non nunha autovía urbana», explicou.
Sen proxecto de cidade
O portavoz socialista lamentou que se paralice unha das actuacións máis ambiciosas da Estratexia Novo Norte precisamente cando existía financiamento europeo comprometido. «Europa aposta por cidades sostibles e humanas. Candia aposta por frear esa transformación e condenar a zona norte ao inmobilismo», afirmou.
«Lugo necesita gobernantes con visión e ambición. Unha cidade retrocede cando deixa de planificar e cando substitúe a estratexia polos intereses curtoplacistas”, indicou.
Finalmente, Fernández advertiu que «cada decisión de Candia confirma que carece dun proxecto de cidade». «Gobérnase pensando no curto prazo e na contraposición política. Se continúa por este camiño, un ano de Goberno de Candia fará perder a Lugo unha década enteira de avances», concluíu.