Lugo abre as súas portas a unha nova edición do Campus Álex Llorca

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu hoxe na Casa do Concello aos participantes da XI edición do Campus Álex Llorca, unha cita xa consolidada no calendario estival da cidade que reúne durante varios días a mozos e mozas apaixonados polo baloncesto tanto de Lugo como de distintos puntos de España.

Durante a recepción, Candia deu a benvida aos participantes e agradeceu á organización que continúe escollendo Lugo para desenvolver un campus que combina formación deportiva, convivencia e coñecemento da cidade. A alcaldesa puxo en valor o traballo que realiza Álex Llorca a través desta iniciativa, contribuíndo a transmitir aos máis novos valores como o esforzo, a constancia, o compañeirismo e a superación persoal.

Nesta edición participan 111 rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos, dos que máis da metade proceden de fóra de Galicia, con presenza de comunidades como Madrid, Canarias ou Cataluña.

«Cada vez que Lugo acolle un evento deportivo tamén está abrindo as súas portas a centos de persoas que coñecen a nosa cidade, o noso patrimonio e a nosa forma de acoller. Pero tamén é unha oportunidade para que os máis novos aprendan que detrás de cada éxito hai traballo, esforzo e dedicación», destacou Elena Candia.

O Concello colabora un ano máis con esta iniciativa mediante a cesión das piscinas municipais exteriores de Frigsa, onde os participantes complementan as sesións de tecnificación deportiva con actividades de lecer durante a súa estancia na cidade.

Ata o vindeiro 12 de xullo, os asistentes participarán en adestramentos, actividades lúdicas e xincanas pola cidade, acompañados por un equipo técnico especializado e coa presenza do exxogador profesional Álex Llorca.

A alcaldesa pechou a recepción animando aos participantes a aproveitar estes días para medrar tanto dentro como fóra da pista.

«Agardo que esta experiencia vos axude a crecer como deportistas, pero tamén como persoas. Aproveitade para facer amigos, descubrir Lugo e levar convosco o recordo dunha cidade que sempre terá as portas abertas para recibirvos de novo», concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios