Regueira salienta a importancia de cumprir as medidas de seguridade ante o eclipse do 12 de agosto na presentación da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas como Destino Starlight

O vicepresidente participou esta mañá no acto de presentación dun programa de experiencias en torno ao eclipse.

Mirar ao ceo para poñer en valor o territorio. Baixo ese prisma, a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas presentou hoxe, nun acto celebrado no Pazo de Illobre en Betanzos, a súa proposta vivencial de astroturismo que se desenvolverá este verán co eclipse solar como catalizador.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou no acto, xunto co presidente da entidade, José Antonio Santiso, coa directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, e co xestor, Diego López,

A oferta da Reserva baséase no seu potencial como Destino Starlight, certificación acadada en 2023 que asegura un cepo nocturno de referencia. O acto central do día da eclipse, o 12 de agosto, será en Miño, no parque das Idades. Será unha experiencia que combinará unha variada oferta de actividades, unha visibilidade cara o oeste total, medidas de seguridade e mobilidade, e divulgación científica. Haberá pantallas xigantes para seguir todas as fases da eclipse sen riscos, telescopios solares, puntos de observación supervisados, explicacións técnicas por monitores starlight en cada momento clave, incluíndo a entrega de lentes homologadas. Realizaranse durante a tarde obradoiros infantís, haberá animación e oferta gastronómica con produtos da Reserva de Biosfera.

«Estamos ás portas dun eclipse total de Sol e temos que ser profesionais e intelixentes para aproveitalo», sinalou Regueira, que incidiu tamén na necesidade de que esta cita sexa lembrada como unha experiencia positiva. «Na Deputación preocúpanos que o eclipse sexa algo que recordemos con alegría. Por iso insistimos na seguridade, na concienciación e en observalo con todas as garantías para poder desfrutalo e contalo con satisfacción no futuro», afirmou. Entre as recomendacións básicas, apelou ao uso de gafas homologadas para a observación do eclipse, á hidratación, á protección solar e ao cumprimento das indicacións que se difundan para garantir unha xornada segura. .

Regueira mostrou o seu desexo de que o eclipse se converta «nunha xornada inesquecible» e aproveitou para agradecer o labor que están a desenvolver as técnicas e técnicos de turismo dos concellos, «que están asumindo moito traballo arredor deste tema». Finalmente, trasladou o seu recoñecemento á Reserva da Biosfera por «ser punta de lanza das boas prácticas en turismo da provincia» e polo seu papel na promoción dun modelo turístico sostible e de calidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios