O BNG leva ao Parlamento a falta de persoal na residencia pública San Antonio de Padua de Lugo

O BNG denunciará no Parlamento de Galiza a situación da residencia pública San Antonio de Padua de Lugo tras recibir novas queixas de familiares e traballadores, que alertan dunha grave falta de persoal e de deficiencias na atención aos usuarios.

A deputada do BNG, Olalla Rodil, lembrou que este centro, construído pola Fundación Amancio Ortega e entregado á Xunta, é de titularidade autonómica. «En lugar de asumir directamente a xestión dun servizo público esencial, o Goberno do PP optou por privatizalo e entregalo á Fundación Fesán. O resultado é que se prioriza o aforro económico fronte á calidade asistencial», criticou.

Carencias de persoal e substitucións irregulares

Máis dun ano despois da súa apertura, o centro segue a arrastrar importantes carencias de persoal. Rodil denunciou que a residencia, con capacidade para 120 usuarios, conta unicamente con dúas enfermeiras (unha pola mañá e outra pola tarde). Ademais, sinalou que actualmente unha baixa de enfermaría está a ser cuberta por unha xerocultora, que carece da cualificación sanitaria esixida.

A deputada nacionalista advertiu tamén de que a praza de fisioterapia segue vacante, o que prexudica directamente o benestar físico dos residentes, sobre todo daqueles con maior grao de dependencia.

Clima laboral tenso e desatención

«Estas carencias non son puntuais, senón a consecuencia dun modelo de privatización no que a concesionaria reduce persoal para gañar rendibilidade mentres a Xunta, como titular do centro, permanece impasible», censurou Rodil. O BNG recolle tamén o malestar do persoal, que denuncia un clima laboral de constante presión e control que dificulta prestar unha atención digna.

Por este motivo, o Grupo Parlamentario do BNG rexistrará iniciativas na Cámara galega para esixir explicacións á Xunta de Galiza e demandar solucións inmediatas.

«Pedímoslle á Xunta que exerza o control sobre a concesionaria e esixa a Fundación Fesán a contratación urxente do persoal necesario. O Goberno galego non pode consentir que nunha residencia pública se fagan recortes á custa do benestar dos nosos maiores e das condicións laborais dos traballadores», concluíu Olalla Rodil.

Comparte éste artículo
No hay comentarios