O concelleiro do grupo municipal socialista Jorge Bustos denunciou hoxe a «improvisación e o profundo descoñecemento» do goberno de Elena Candia tras anunciar a adhesión do Concello ao convenio marco coa Xunta para usar as instalacións deportivas dos colexios fóra do horario lectivo.
Bustos revelou que, tras consultar á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), este acordo marco caducou en xuño de 2025 e segue sen renovarse. «É moi preocupante que o goberno de Candia venda como un logro a adhesión a un convenio sen vixencia nin cobertura xurídica. Evidencia unha falta de rigor que xera falsas expectativas e incerteza nos clubs e nas familias», sinalou.
O edil criticou que o PP faga «propaganda» no canto de xestionar, e responsabilizou tamén á Xunta por levar máis dun ano «mirando para outro lado» sen actualizar o documento.
Por iso, o PSOE reclama que a Xunta e a Fegamp redacten de inmediato un novo convenio adaptado ás necesidades reais e que o goberno local se deixe de anuncios precipitados. Así mesmo, Bustos lembrou que a solución definitiva pasa por ampliar as infraestruturas públicas, como o pavillón proxectado en San Fiz, cuxo proceso iniciou o anterior executivo socialista.