Este venres comeza a XXXIV Feira do Viño con tres días de programación cultural para descubrir o mellor do Rosal

A inauguración oficial estará precedida pola charla-coloquio «O Futuro do Viño do Rosal», a cargo do pregoeiro Antonio Candelas.

A conta atrás remata. O Rosal abre este venres as portas da XXXIV Feira do Viño do Rosal, tres xornadas nas que a Praza do Calvario volverá converterse no gran escaparate dos viños da subzona do Rosal da Denominación de Orixe Rías Baixas. Ata o domingo 19 de xullo, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dunha programación que combina viño, gastronomía, música, patrimonio e actividades para todos os públicos.

A inauguración oficial celebrarase o venres ás 19.30 horas e contará co pregón de Antonio Candelas, bioquímico, enólogo, xornalista e un dos principais divulgadores da cultura do viño en España. Antes do acto inaugural, ás 18.30 horas, ofrecerá a charla-coloquio «O Futuro do Viño do Rosal», unha actividade aberta ao público que convida a reflexionar sobre os retos e oportunidades do sector vitivinícola.

A Feira reforza a súa dimensión familiar con programación cultural pensada para todas as idades, pero poñendo o foco nos máis pequenos da casa. O espectáculo itinerante Girafes, da compañía catalá Xirriquiteula Teatre, será un dos grandes atractivos da fin de semana, xunto aos espectáculos Clownamorado e O conto de Barrigaverde, así como os obradoiros infantís de cociña e reciclaxe.

A música volverá acompañar cada xornada da feira coas actuacións de The Tetas’ Van, El Cuarto de Tula e ThePretty Shirts, ademais das sesións vermú de Groovin Folks e Awen e do pasarrúas do Grupo de Gaitas Airiños do Folón, configurando unha programación que percorre estilos como o pop-rock, a música cubana, o rock, o soul, o blues ou a música tradicional galega.

Entre as novidades desta edición destaca o Túnel do Viño, unha experiencia no Museo do Cabaqueiro que, da man dun sumiller, permitirá descubrir a riqueza dos viños do Rosal dunha forma máis divulgativa e participativa. Nesta edición serán once as adegas participantes, consolidando o crecemento da feira.

A programación complétase cunha ampla oferta gastronómica, exposicións, visitas guiadas ao patrimonio e diferentes actividades culturais, convertendo a Feira do Viño nunha experiencia que vai moito máis alá da degustación.

Para facilitar os desprazamentos, repetirase o servizo especial de autobuses que conectará o Rosal con distintos puntos da comarca, favorecendo unha mobilidade máis segura e sostible. A feira manterá tamén as medidas que lle permitiron obter a certificación como festa sostible, entre elas os vasos reutilizables, a recollida selectiva de residuos e os puntos de auga potable de libre acceso.

Durante tres días, O Rosal volverá abrir as portas ao seu viño, ao seu patrimonio e á súa cultura, convidando a descubrir un territorio que vive e medra arredor dunha das súas tradicións máis emblemáticas.

INSCRICIÓN ÁS ACTIVIDADES INFANTÍS CON RESERVA: https://bit.ly/4vNBDID

A XXXIV Feira do Viño do Rosal está organizada polo Concello do Rosal e a Asociación de Cabaqueiros do Viño do Rosal, e conta co apoio dos fondos europeos a través do Programa de Cooperación INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e de Abanca. A colaboración destas entidades fai posible o desenvolvemento dunha cita que promove o viño do Rosal, o seu territorio, a súa cultura e o seu patrimonio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios