O Concello da Laracha avanza na contratación de dous proxectos de mellora das estrada e prazas públicas

Afectarán ás prazas Les Sables d´Olonne (A Laracha) e Punta das Ondas (Caión), así como ás estradas do Cancelo do Medio (Cabovilaño) e Lista (Lendo).

Os procedementos de contratación de dous proxectos de mellora de infraestruturas de titularidade municipal que promove o Concello avanzan tras finalizar o prazo de presentación de ofertas.

Catro empresas optan a resultar adxudicatarias do proxecto que inclúe a mellora da praza Les Sables d’Olonne, na capital municipal, da praza Punta das Ondas, en Caión, e da estrada no Cancelo do Medio, na parroquia de Cabovilaño. O orzamento ascende aos 71.147,62 euros.

Na praza Les Sables d’Olonne levarase a cabo a renovación do pavimento mediante o fresado das zonas necesarias e a extensión dunha nova capa de rodadura en toda a superficie. Ademais, renovarase a sinalización horizontal e vertical e reforzarase o equipamento urbano. Esta praza é o principal espazo de celebracións da capital municipal ao acoller boa parte dos eventos multitudinarios que se organizan ao longo do ano -por exemplo, a pantalla xigante coa que se viviu onte a final do Mundial de fútbol-, e funciona tamén habitualmente como zona de estacionamento para os veciños residentes e usuarios do IES Agra de Leborís, da Biblioteca Municipal e da Casa da Cultura.

A praza Punta das Ondas localízase en Caión, na parte posterior da cetaria, a carón do paseo marítimo e moi próxima ao Centro Sociocomunitario da vila. Ese ámbito acolle varias das antigas casetas dos mariñeiros. O proxecto contempla a renovación do pavimento mediante a aplicación dun firme asfáltico, o acondicionamento das marxes para integralas na praza e a renovación da sinalización horizontal. Tamén se inclúen melloras na rede de recollida de pluviais.

E no Cancelo do Medio, na parroquia de Cabovilaño, intervirase sobre dúas estradas municipais que suman un total de 167 metros lineais. As obras inclúen a limpeza de cunetas, o acondicionamento das plataformas, a mellora da base do firme, a pavimentación con aglomerado asfáltico e a nova sinalización.

Ao outro proxecto, o de afirmado e mellora da capa de rodadura en varias vías do núcleo de Lista (parroquia de Lendo), concorreu unha única empresa. Neste caso o orzamento supera os 52.000 euros.

Ambos proxectos serán cofinanciado pola Deputación da Coruña.

Comparte éste artículo
No hay comentarios