Estarán rematadas a final de ano e terán un investimento de 400.000 euros.
A Universidade da Coruña vén de iniciar as obras de rehabilitación da envolvente do Pavillón de Colonias da Facultade de Fisioterapia, situado no campus de Oza, unha actuación que conta cun investimento de 400.000 euros e que permitirá mellorar a conservación e posta en valor dun edificio de alto interese histórico, arquitectónico e académico.
As obras permitirán rehabilitar a envolvente exterior do edificio, actuando sobre fachadas e elementos construtivos afectados polo paso do tempo e pola exposición ambiental, co obxectivo de mellorar o comportamento térmico, a seguridade e a durabilidade do inmoble. A actuación, que estará rematada a finais de ano, desenvolverase con criterios de respecto polo valor patrimonial do Pavillón de Colonias, empregando materiais e solucións compatibles coa arquitectura orixinal e coas intervencións históricas previas.
Construído entre 1921 e 1926 segundo proxecto do arquitecto Pedro Mariño Ortega, constitúe un dos conxuntos máis singulares do campus de Oza e alberga na actualidade a Facultade de Fisioterapia, Ciencias da Saúde e a Escola Universitaria de Enfermaría da Coruña. Este edificio foi obxecto de relevantes intervencións ao longo do século XX, incluíndo actuacións promovidas pola Dirección Xeral de Arquitectura en 1944 e unha rehabilitación proxectada en 1995 polo arquitecto Manuel de las Casas, merecedora dun Premio Nacional de Arquitectura.
A intervención realízase no marco do Plan de Infraestruturas Universitarias (PIU), co financiamento principal da Xunta de Galicia, e reforza a aposta da Universidade de Coruña pola rehabilitación sostible do seu patrimonio edificado, garantindo unhas condicións axeitadas para a docencia, a investigación e a formación práctica do estudantado de Fisioterapia, ao tempo que se preserva un inmoble de alto valor simbólico e urbano para a cidade da Coruña.