A necesidade de potenciar a transformación industrial e a situación laboral de Galicia foron algúns dos puntos máis destacados da intervención do mandatario provincial.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá na presentación do informe «A economía galega», un documento que analiza de forma exhaustiva a situación económica que atravesa o país. Este informe, elaborado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), conta tamén coa colaboración da institución provincial.
O documento, dirixido polos investigadores da USC María Dolores Riveiro García e Melchor Fernández Fernández, cumpre corenta anos de traxectoria ininterrompida convertido nunha referencia para comprender a evolución socioeconómica de Galicia. Na edición deste ano, que coincide co 50 aniversario do propio IDEGA, debúxase unha economía galega que mantén unha traxectoria de crecemento positivo, creación de emprego e capacidade exportadora, aínda que continúa enfrontando importantes debilidades estruturais vinculadas á demografía, á produtividade, á vivenda e ao financiamento dos concellos.
Formoso destacou o informe como un documento “de referencia estable para datar como está a economía do país” e confirmou que a Deputación “seguirá apoiando unha ferramenta que consideramos moi útil”.
Problemas de financiamento municipal
A pesar do bo comportamento dos indicadores macroeconómicos e do saneamento das contas públicas autonómicas, o IDEGA dedica un apartado fundamental á situación dos concellos, especialmente os máis pequenos e rurais, cuxos recursos por habitante apenas acadan o 83,8 % da media estatal. A dispersión xeográfica e o envellecemento encarecen notablemente a prestación dos servizos básicos, unha realidade que o actual sistema de financiamento non recoñece de xeito suficiente e que fai imprescindible a asistencia técnica e o investimento das deputacións provinciais para garantir a equidade territorial.
O mandatario provincial opinou a este respecto que o financiamento local merece unha reforma para que “os 313 concellos teñan unha previsión e unha estabilidade financeira” para poder ofertar uns servizos públicos “minguados” e que “se están a prestar cunha carestía nos últimos anos que está a poñer en risco a viabilidade económica dalgunhas entidades locais”. “Esta situación require sentarse dunha vez, pois nos últimos 10 anos non fomos convocados, para falar de financiamento autonómico de cara aos concellos”, sentenciou Formoso.
En suma, afirmou o presidente que “isto vai máis aló de competencias, vai de vontade de aportar un gran de area dende o ámbito de responsabilidade que temos cada unha das administracións”.
Necesidade de potenciar a industria
En termos xerais, o PIB de Galicia rexistrou un avance do 2,6 % no último exercicio. O sector servizos mantense como o principal motor económico ao xerar o 70,3 % do valor engadido bruto, mentres que a construción experimentou a recuperación máis dinámica cun incremento superior ao 7 %. Pola súa banda, o informe recolle que a industria mantén un crecemento do 2,2 %, liderado pola automoción coa planta de Stellantis en Vigo acadando máis de 550.000 vehículos e pola boa marcha da industria alimentaria, a pesar de que a comunidade aínda mantén un peso industrial inferior ao doutras rexións e sufriu a perda de pequenas empresas.
Pola súa parte, o sector primario e o complexo agroalimentario amosan unha mellora significativa da súa renda por ocupado, que medrou un 8,7 %, grazas á estabilidade dos custos e ao incremento dos prezos percibidos. Con todo, o estudo sinala a necesidade de aumentar a capacidade de transformación industrial dentro da propia comunidade, xa que a industria agroalimentaria galega representa só o 38 % do valor da cadea. A situación máis complexa atópase no marisqueo, onde a produción de bivalvos sufriu un descenso do 53 % na última década debido a factores ambientais e económicos, impactando de cheo no emprego tradicional do litoral.
A este respecto, o presidente provincial fixo fincapé en “potenciar a nosa industria transformadora” para que sexa unha referencia nacional e internacional “como xa sucede nalgún sector como o da alimentación, concretamente a industria conserveira”. Neste senso, urxiu “potenciar industrias con altas potencialidades en Galicia” como “a forestal ou a da creación e almacenamento de enerxías renovables”.
Situación laboral
No eido do mercado laboral, Galicia acadou un dos seus mellores rexistros históricos ao pechar o exercicio con 1,08 millóns de afiliacións á Seguridade Social e unha taxa de paro que descendeu ata o 8,35 %. A ocupación medrou un 2,91 %, impulsada en gran medida polo emprego feminino e polas persoas con formación superior, confirmándose a educación como o principal factor de protección fronte ao desemprego. Malia todo, o informe advirte de que a evolución do emprego en Galicia mantén un ritmo menor que a media estatal debido ao menor dinamismo demográfico.
Facendo referencia a esta cuestión, Formoso fixo fincapé en “fixarnos en que tipo de emprego estamos a crear, non só se creamos ou non”, incidindo na importancia da creación de emprego de calidade e na capacidade que teña o país en reter ao talento propio, así como na integración dos estranxeiros nun mercado laboral que “medra, si, pero a un ritmo máis moderado que o do conxunto do Estado”.
No referente ás relacións exteriores, Galicia volve situarse como a comunidade autónoma con maior superávit comercial de España, grazas a unhas exportacións que acadaron os 30.938,9 millóns de euros e un saldo positivo de máis de 9.500 millóns. O sector do transporte e o téxtil concentran máis da metade destas vendas internacionais, onde a provincia da Coruña xoga un papel clave ao representar o 44,6 % do total exportado. A este bo comportamento súmase o impulso do turismo, que superou os 7,3 millóns de viaxeiros e onde a cidade da Coruña destacou entre os destinos urbanos españois cun notable incremento nos ingresos por habitación e na ocupación hoteleira.
Por último, o informe tamén pon o foco nos serios problemas de acceso á vivenda e nas tensións dos prezos do alugueiro, que absorben preto do 40 % dos ingresos da poboación xove nas principais cidades.