Luz verde aos trámites para construír a nova Casa de Acompañamento aos Maiores de Rianxo

O pleno provincial deu luz verde ao acordo polo que a administración provincial asumirá a construción e posta en funcionamento deste novo centro residencial de carácter supramunicipal sobre uns terreos cedidos polo concello rianxeiro.

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade de todas as forzas políticas, o convenio de cooperación co Concello de Rianxo que permitirá a cesión de terreos, a construción e a posterior posta en funcionamento da nova Casa de Acompañamento a Persoas Maiores (CAM), que se localizará neste municipio. Con este respaldo plenario a institución provincial e o municipio barbanzán consolidan a súa alianza para poñer en marcha os trámites de creación dun novo modelo residencial público centrado na atención integral e humanizada das persoas maiores.

A futura Casa de Acompañamento de Rianxo erguerase nunha parcela municipal de máis de 6.000 metros cadrados situada na rúa Rianxiño, a carón do IES Félix Muriel e valorada en máis dun millón de euros. A través do convenio, o Concello de Rianxo cede gratuitamente o pleno dominio do terreo. Pola súa banda, a Deputación da Coruña asumirá a titularidade provincial do servizo público e financiará e executará tanto as obras de construción como o equipamento integral do centro.

Novo modelo residencial

A iniciativa forma parte do plan provincial para dotar á provincia de residencias de proximidade inspiradas en modelos europeos de quinta xeración, orientados a evitar o desarraigo e garantir un entorno o máis semellante posible a un fogar. 

O proxecto piloto contempla, ademáis da CAM de Rianxo, a execución doutros dous centros baseados neste novo modelo residencial nos municipios de As Pontes e Ordes.

O centro prevé ofrecer 59 prazas repartidas en catro unidades convivenciais con cociña, salón e espazos comúns, complementadas con servizos de atención médica xeriátrica, psicoloxía, traballo social, terapia ocupacional, fisioterapia e tecnoloxías avanzadas para a seguridade e o confort dos usuarios.

Comparte éste artículo
No hay comentarios