Emerxencia cinexética polo xabarín: a Xunta privatiza o control da fauna salvaxe en favor dos cazadores

A Xunta de Galiza vén de declarar a emerxencia cinexética en todo o territorio e durante un ano para o control do xabarín, unha medida que revela unha grave irresponsabilidade na xestión pública da problemática das poboacións desta especie. A autorización de medidas complementarias como as agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial, mesmo por terceiros e con simples autorizacións administrativas, supón tamén un risco inaceptábel para a seguridade das persoas que fan uso do monte sen estar vencelladas á actividade cinexética, desde sendeiristas á veciñanza que transita por camiños rurais, mesmo para os propios gandeiros. A presenza de xente armada en puntos fixos, sen protocolos robustos de sinalización, peche temporal de vías ou coordinación con outras usuarias do territorio, consagra a predominancia da caza sobre calquera outra consideración de seguridade cidadá. 

A esta irresponsabilidade súmase a autorización excepcional de dispositivos tecnolóxicos como miras con amplificadores electrónicos de luz, detectores automáticos de paso e cebadoiros colocados en cultivos, ferramentas propias da caza nocturna, práctica non autorizada pola Lei de caza de Galiza fóra de supostos moi específicos e que supón unha autorización encuberta da ilegal caza nocturna. A combinación de armas, dispositivos de visión nocturna e agardas en zonas abertas é difícil de conciliar cunha xestión responsábel do risco, incrementa a posibilidade de accidentes, dificulta a identificación correcta dos exemplares e debilita os controis de seguridade e selectividade, por moito que a Conselleira afirme que “garanten a seguridade das persoas”.

Unha medida política, demostradamente ineficaz e perigosa

A emerxencia cinexética do xabarín non é unha novidade: xa se aplicou en 2019, 2021, 2023, 2024 e 2025, con resultados que a propia administración recoñeceu como insuficientes. En tempadas anteriores abatéronse decenas de miles de exemplares —máis de 40.000 en conxunto nalgúns períodos, e preto de 19.000 na tempada 2024-2025—, mais a Xunta admitiu que non foi suficiente para controlar a «praga». Malia isto, repítese o mesmo método —abatemento sen límite, ampliación de períodos, medidas auxiliares— sen unha avaliación independente e exhaustiva da súa eficacia real sobre a dinámica de poboacións, nin un plan de xestión integral con aval científico que ordene medidas ecolóxicas, xestión dos animais con criterios demográficos e seguimento poboacional estandarizado. Insistir en aplicar as mesmas medidas ineficaces apunta a que a Xunta prioriza “parecer que fai algo”, en lugar de asumir a necesidade dun plan técnico-científico de control de poboacións de xabarín, con obxectivos claros, indicadores de resultado e avaliacións periódicas. 

Dende ADEGA denunciamos que esta nova emerxencia cinexética de carácter anual carece do criterio técnico-científico mínimo esixible e supón un grave risco para a seguridade de persoas. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático debería someter todas as medidas de control do xabarín a unha análise externa, elaborar e publicar un plan de xestión de poboacións de xabarín con obxectivos demográficos, ecolóxicos e de seguridade viaria, e a establecer mecanismos de transparencia e participación do sector agrícola, gandeiro, cinexético, ambiental e veciñal no deseño e revisión desas medidas. 

A emerxencia cinexética que acaba de decretar a Xunta para o periodo 2026-2027, tal como está deseñada, é máis un exercicio de aparencia política que unha medida de xestión eficaz e responsábel. Sen plan de xestión, sen obxectivos claros nen avaliación periódica, sen transparencia nos resultados, custos e impactos, esta medida é unha perigosa renuncia da xestión pública dunha consellaría a favor do lobby da caza.

Comparte éste artículo
No hay comentarios