Luis López: “Santa Clara está preparándose para brillar, o compromiso é real e os avances están aí: estannos a permitir coñecer a historia do convento, que será crucial para os seguintes pasos do proxecto e a súa futura musealización”.
O presidente e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Luis López e Rafa Domínguez, compareceron este martes desde o Convento de Santa Clara para informar sobre o avance das escavacións arqueolóxicas que comezaron en xuño e o momento no que se atopa o proxecto do convento. O vicepresidente asegurou que “Santa Clara xa non está sobre o papel, está avanzando co rigor que esixe unha actuación patrimonial desta magnitude”. Rafa Domínguez lembrou que “a campaña arqueolóxica que presentamos hoxe é unha das actuacións máis importantes de todo o proceso de recuperación de Santa Clara” xa que “non é un paso previo sen máis, é a intervención que vai permitir tomar as mellores decisións sobre como será este espazo cando volva abrir as súas portas á cidadanía”. López e Domínguez estiveron acompañados do equipo de A Citania Arqueoloxía e Xestión de Patrimonio S.L., encargado das escavacións, e Rafa Rodríguez, arqueólogo da Deputación.
Rafa Domínguez sinalou que “todo o que hoxe se documenta baixo os nosos pés condicionará o Santa Clara do futuro”. Neste sentido, o vicepresidente provincial sinalou que “cada elemento que aparece e cada peza recuperada axúdannos a comprender mellor este lugar e permitirannos conservalo co máximo respecto”. O vicepresidente provincial fixo balance do que se ten documentado en apenas unhas semanas: “estruturas medievais, numerosos enterramentos, pavimentos históricos e máis dun millar de pezas arqueolóxicas”. Os resultados, asegurou, “falan por si sos e demostran que Santa Clara non está agardando o seu futuro: estao construíndo desde este mesmo momento”. O vicepresidente lembrou que estes traballos comezaron o 1 de xuño e estanse a levar a cabo da man de preto de vinte profesionais entre arqueólogos, restauradores, auxiliares e especialistas de distintas universidades e centros de investigación: “están desenvolvendo unha intervención de enorme complexidade e resultados moi relevantes”, concluíu.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra sinalou que “fronte á sensación de que Santa Clara avanza só nos despachos ou mesmo que estaba paralizado, hoxe demostramos exactamente o contrario”. Neste sentido, Domínguez remarcou que a institución está “plenamente comprometida con Pontevedra e o seu patrimonio”, e asegurou que “nunca antes asumira un papel tan protagonista na recuperación de espazos históricos”. Neste sentido, “Santa Clara é o mellor exemplo desa maneira de entender a xestión pública: facer as cousas con ambición, rigor e pensando nas próximas xeracións”, porque o obxectivo do goberno “nunca foi rehabilitar un edificio, senón devolverlle a Pontevedra un espazo único, aberto, vivo e cheo de contido, que combine patrimonio, cultura e cidadanía e que se converta nunha referencia para toda Galicia”.
Para o futuro de Santa Clara “antes hai que coñecer en profundidade e protexer o pasado, e iso é o que estamos facendo”, asegurou, xa que “cando os pontevedreses poidan percorrer novamente Santa Clara tras abrir as súas portas con todas as garantías e a súa historia intacta, boa parte do que poderán coñecer e desfrutar será posible grazas ao traballo que se está realizando hoxe: unha escavación que non só recupera restos arqueolóxicos, recupera a memoria dun espazo que volverá formar parte da vida da cidade”, sinalou Rafa Domínguez.
Pola súa banda, o presidente Luis López sinalou que “Santa Clara está preparándose para brillar”, xa que “o verdadeiro obxectivo tras esta intervención é sentar as bases dun proxecto que permitirá converter o convento na sétima sede do Museo” e “converterá o que foi un dos espazos máis enigmáticos da cidade durante séculos nun novo espazo de ocio, de cultura, de contacto coa natureza e de convivencia cidadá”. O presidente agradeceu o vicepresidente por liderar o proxecto e o equipo encargado dos traballos por desenvolver “unha das intervencións arqueolóxicas máis relevantes das que se están a realizar nestes momentos en Galicia”.
Luis López sinalou que o proxecto “é un auténtico reto, que esixe uns estándares de profesionalidade e de calidade altísimos”, e que fala “deste goberno da Deputación e do seu afán por conservar o patrimonio arqueolóxico e natural da provincia de Pontevedra coas máximas garantías”. Ademais, lembrou que “tense falado moito nestes tres anos, pero todo queda en palabras fronte aos feitos: o compromiso é real e os avances están aí, dentro dos límites dun proxecto desta envergadura, con trámites moi complexos e o diálogo continuo con outras administracións”. O presidente da Deputación lembrou que esa complexidade fai que os avances sexan lentos, “e máis cando houbo que modificar o proxecto onde se proxectaba un cemiterio de pezas arqueolóxicas no xardín e nós proxectamos unha solución diferente”.
Os obxectivos do proxecto, sinalou Luis López, pasan pola “máxima protección integral de Santa Clara como conxunto patrimonial e por seguir afondando na historia oculta tralo convento”. A intervención arqueolóxica “estanos permitindo descubrila e será crucial para os seguintes pasos e a futura musealización do convento”. O presidente sinalou que os achados ata agora son “esperanzadores, porque o balance cando rematen os traballos levaranos a superar as expectativas que tiñamos de inicio”, e asegurou que “seguiremos avanzando no gran proxecto que converterá esta cidade e esta provincia nun gran foco de atracción cultural, como xa o amosaron as máis de 2.500 persoas que se achegaron a Santa Clara para desfrutar da Bienal de Artes Vivas”.
Entre os achados nestes traballos salientan, na parte occidental, os restos das edificacións medievais, unha rampla de acceso ou unha porta que se pensa que podería pertencer a unha edificación dedicada á almacenaxe. Na zona do claustro retirouse o pavimento e documentaranse os enterramentos, ao igual que na zona da igrexa, onde non se comezou a actuar. Na zona do bosque, que se dividiu por zonas, actuouse nunha primeira na que apareceron tres enterramentos máis que os xa se detectaron nas primeiras intervencións de 2022.