A Xunta de Goberno Local aprobará o vindeiro luns o proxecto para a construción da nova residencia para persoas maiores que Ballesol promoverá no barrio de Recatelo, dando así un paso definitivo para converter en realidade unha actuación que, ata o de agora, permanecía como un proxecto sobre o papel.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, presentou hoxe en Recatelo as características da futura residencia, nun encontro no que explicou os detalles dunha actuación que permitirá incorporar á cidade 115 novas prazas residenciais para persoas maiores.
O proxecto contempla unha investimento de 10,9 millóns de euros e a creación dunha residencia moderna e adaptada ás necesidades dos seus futuros usuarios, contribuíndo ademais á dinamización e á mellora do propio contorno de Recatelo.
Ballesol é unha empresa familiar especializada na atención ás persoas maiores, fundada en 1976 por Lola Soler Brul. Desde os seus inicios, a compañía desenvolveu un modelo de atención baseado no coidado e no benestar das persoas residentes e conta na actualidade con centros en diferentes puntos de España.
A alcaldesa destacou que a chegada deste equipamento a Lugo é froito tamén da implicación directa do Goberno municipal e do traballo desenvolvido nos últimos meses para facilitar e impulsar a súa tramitación, en coordinación coa empresa promotora e coas diferentes administracións implicadas.
«Lugo necesita máis prazas residenciais para os nosos maiores e este proxecto é unha boa noticia para a cidade», sinalou Elena Candia, quen puxo en valor a importancia da colaboración entre a iniciativa privada e as administracións».
A futura residencia situarase na contorna das rúas Cidade de Viveiro e Isaac Díaz Pardo, nunha localización próxima ao parque Rosalía de Castro. O proxecto incorpora tamén 77 prazas de aparcadoiro distribuídas en dous sotos. Neste sentido, o Concello está a estudar fórmulas que permitan aproveitar estes e outros espazos vinculados á actuación, co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles e contribuír á mellora do contorno.
Como mostra da vontade de integrar a nova residencia no barrio, Ballesol convidará á veciñanza de Recatelo ao acto de colocación da primeira pedra, que está previsto que se celebre antes de que remate o ano. A iniciativa permitirá aos residentes no contorno coñecer de primeira man o avance dun proxecto que suporá a chegada dun novo equipamento asistencial ao barrio.
Para o Goberno municipal, a residencia de Ballesol representa ademais un exemplo da importancia de atraer novos investimentos e equipamentos á cidade, especialmente aqueles que dan resposta ás necesidades dunha sociedade na que cada vez é maior a demanda de atención e coidados para as persoas maiores.
«O noso compromiso é seguir a traballar para que os proxectos que necesita Lugo non queden nun caixón, senón que avancen e se convertan en realidade», afirmou a alcaldesa, que se amosaba feliz de seguir dando pasos cara o Lugo para todos que promove.