O Bergantiños logrou unha escandalosa vitoria sobre o Racing Villalbés. Simón Lamas, que volvía á súa casa por segunda vez como visitante, primeira en partido oficial, fixo bo o falar de que non hai peor cuña que a da propia madeira. O técnico con maior número de partidos co Racing Villalbés causou a maior goleada histórica en competicións estatais ao equipo da súa vila. Igualmente, co 0-8 quebrou outros records vixentes na fase galega da competición.
Asegurada a final o partido levou o interese a aspectos menores, como o da loita por ser o mellor goleador da competición galega, na que foron alternándose na cabeza os encarnados Pachón e Ankudinov, que leva marcado goles nos tres partidos oficiais do seu equipo na presente campaña.
Eliminado o Ourense C.F., os de Carballo son favoritos para gañar a competición e xogarán a súa segunda final contra o gañador da eliminatoria que disputan en Xinzo de Limia o Antela e o Boiro, que chega ás semifinais pola retirada do Céltiga antes que a competición comezara, e o Portonovo, que tamén a abandonou só que antes do choque de cuartos.
O Bergantiños sentencia o pase á final antes do descanso
O Bergantiños foi superior ao Villabés facendo propia a banda dereita do ataque. Aos tres minutos, Álex Santomé estirouse para desviar un remate picado de Pachón. A resposta local demorou catro minutos cun disparo de Javi Muíño que resolveu Alberto desviando desde o centro do marco. Foi o único achegamento importante racinguista en todo o partido.
Tamén David Iglesias tentouno cando o reloxo marcaba o dez. O seu xute desde a frontal desviouse un bocado, igual que o remate no segundo pau de Adri Álvarez antes de que se cumprira un animado primeiro cuarto de hora de xogo.
O dominio visitante tivo o seu rexistro no marcador aos 20 minutos. Foi nunha acción rápida nacida en Alberto, logo apareceu Koke para asociarse con Iago Novo. O fenés do pé máxico atopou dentro da área ao inesperado Joseda e o hoxe falso lateral cruzou o disparo ao fondo da portería.
O Bergantiños facíase máis forte chegando pola dereita e desde ese lado produciuse outra acción semellante á da primeira ocasión do partido. Nesta, Pachón cabeceou alto aos 24 minutos. Un despois, Pachón buscou o sitio na frontal para recibir un balón aéreo servido desde os tres cuartos. De costas a porta, cedeu ao primeiro toque para David Iglesias, cuxo preciso disparo supuxo o 0-2.
O control visitante pola destra era absoluto, tamén porque Joseda mostrou varias veces o seu saber de lateral con percorrido na Madalena. O ex do Sestao axustou outro tiro dentro da área que puido desviar a zaga local no minuto 38. Tras o córner, nunha acción longa, Adri Álvarez colocou fóra de paus unha rosca desde o balcón da área.
O partido ía só nunha dirección e Pachón, por se non estaba decidido o pase á final, reafirmouno no minuto 44 ao cabecear antes do punto de penalti o enésimo centro desde a dereita. Desta vez aproveitou o prolongamento de testa de René Díaz. Un defensa puido desviar, pero non o suficiente, e Álex Santomé tampouco alcanzou o coiro coa estirada.
Pachón vs. Ankudinov: o duelo polo mellor goleador
Pouco acontecera tras a volta de vestiarios sen substitucións. Seis minutos despois, tras o primeiro córner do período a prol dos de Carballo, Joseda recibiu na frontal, amagou o tiro para perfilarse mellor e cando pisou a media lúa, pegou un pelotazo que quixo desviar na área Javi Varela coa mala sorte que no seu salto tocou o coiro co brazo. Iago Novo non deixou reaccionar ao especialista Álex Santomé, e cun xute forte e rápido subiu o 0-4.
Nun dos poucos ataques carballeses pola esquerda, Adri Álvarez pendurou un balón desde a liña de fondo ao segundo pau, a defensa estivo lenta e Pachón, ante a facilidade recibida, non dubidou meter a fronte con forza para facer o quinto do seu equipo e colocarse líder na táboa de goleadores da competición con tres dianas. Ademais, foi o terceiro dobrete do de Esparraguera cos vermellos tras os dous ligueiros anotados no seu primeiro paso na campaña 2024/25.
Os de Carballo superaban a súa mellor marca de goles nun partido nesta competición, xa na fase galega, xa na estatal, superando os catro feitos ao Marino de Luanco o 10/09/2025 nun partido de 120 minutos.
O partido só podía dar para ver até onde podía estirar o Bergantiños a goleada. Villaverde fixo o sexto nun libre directo que colocou na escuadra desde 25 metros. Ankudinov marcou o 0-7 tras recoller o rebote no pau saído dun xute de Ale Sánchez. O punta do Bergantiños reivindicaba o seu potencial goleador ao anotar en cada un dos tres partidos xogados.
Ademais, no derradeiro ataque do partido, o de Casaquistán fechou o escandaloso 0-8 cun disparo na área, procurando o primeiro pau, a pase de Villaverde. O gol tamén servía para que o atacante recuperara o liderado na táboa de anotadores da competición galega, que minutos antes collera Pachón.
O Bergantiños, que volve á final da competición logo do seu éxito na 2018/19, espera ao Antela ou ao Boiro, que xogarán o domingo na Moreira por ser o outro finalista.
Un partido con moita historia
Un 0-8 non é habitual nin en partidos amigables, nin en competición oficial. De feito, é a maior goleada lograda polo Bergantiños en categoría estatal, que se corresponde coa maior derrota vilalbesa nese contexto competicional.
Era a primeira visita oficial de Simón Lamas á Madalena e a mesma non vai a ser esquecida logo deste resultado logrado polo técnico con máis partidos dirixidos aos da capital da Terra Cha en competicións estatais. Lamas, que tamén estaba ao mando do grupo que logrou o maior logro histórico na historia racinguista, o ascenso a unha competición ligueira regular de carácter interautonómica no cuarto nivel do fútbol hispano, xa está para o bo e para o malo na historia verde e vermella.
Con este resultado, o Bergantiños logra o mellor resultado histórico dun visitante na fase galega da Copa RFEF. Supera o 1-5 do Compostela en Negreira na volta da Primeira Eliminatoria na edición 2013/14.
Tamén é a maior goleada histórica no torneo galego, por riba do 6-0 do Lalín ao desaparecido Narón B. Piñeiros, acontecida na volta das semifinais da temporada 2008/09.
A goleada encarnada sobre os vilalbeses rebaixa ao terceiro lugar a que até onte era a segunda maior na competición, que precisamente posuían os da Terra Cha. Os de Simón Lamas, na súa última campaña cos vermello e verdes, gañaran ao Viveiro na Madalena por 5-0 en partido de cuartos de final da edición 2023/24, Naquel partido, igual que no 0-8, coincidiron Álex Santomé, os irmáns Varela e Make.
As oito dianas logradas na Madalena converten ao partido no de maior número de goles na fase galega da cuarta competición hispana en importancia. Por un gol mellora o 4-3 do Ribadumia ao Coruxo na semifinal da sesión 2018/19.
Precisamente, o derradeiro partido desa edición foi o Ribadumia-Bergantiños, no que os de Carballo derrotaron aos do Salnés nos penaltis, obtendo o único título dos de Carballo na competición autonómica da Copa RFEF.
Ficha
VENRES 14/08/2026 (19,00) Campo: A MADALENA (100)
RACING C. VILLALBÉS : 0 – BERGANTIÑOS F.C. : 8 (0-3)
VIL : Álex Santomé; José Varela (Álex 76’), Chans (Vérez 76’), Javi Varela (Make 65’), Aarón (Lansade 65’), Martín (Marcos 76’); Raúl Melo (Gegunde 76’), Brais Prieto (Migui 76’),Javi Muíño (Adrián Castro 65’); Rodri (Borja Míguez 65’), Gael (Reigosa 65’). Tre. Juan Rodríguez. (Banco: Yago Miguélez (g)).
BER : Alberto; Joseda (Insua 75’), René Pérez (Nacho Pastor 63’), Tomás, Berrocal; David Iglesias (Carlos González 83’), Onyia (Gandoy 63’), Yago Novo (Villaverde 63’); Koke (Uwumiro 75’), Pachón (Ankudinov 63’), Adri Álvarez (Ale Sánchez 63’). Tre. Simón Lamas. (Banco: Carlos (g); Aarón; Dani Jódar).
Goles: 0-1 Joseda 20’; 0-2 David Iglesias 25’; 0-3 Pachón 44’; 0-4 Iago Novo 52’(p); 0-5 Pachón 55’; 0-6 Vallaverde 75’; 0-7 Ankudinov 79’; 0-8 Ankudinov 89’.
Árbitro: Abel Bruzos (Galiza-Lugo). Auxiliares: Pin Calvín e López Bermúdez.
Disciplina: CA: Javi Muíño 63’; Make 69’; Adrián Castro 74’.
Foto: Onyia facendo un pase desde os tres cuartos. © 21noticias.com