Cadernos da viaxe. Libertade de expresión e identidade no deporte.

Existen debates que, en realidade, agochan vellos tics autoritarios incompatíbeis co marco de liberdades dun Estado democrático e de dereito. A violencia policial na persecución da estelada cataláen Elxe (persecución que tamèn ten sufrido historicamente a estreleira galega en Vallecas-2017-, Leganés-2018 e 2019- e Valladolid-2013-) obriga a unha fonda reflexión xurídica dende a perspectiva dos dereitos fundamentais.

Dende un punto de vista estritamente legal, cómpre lembrar que o uso cidadán de bandeiras non oficiais como a estelada catalá ou a estreleira galega está plenamente amparado polo dereito á liberdade de expresión, consagrado no artigo 20 da Constitución. A xurisprudencia contenciosa, alicerzándose na dos Tribunais Constitucional e Europeo de Dereitos Humanos,  ten determinado a eito que estes símbolos identitarios non incitan á violencia, ao racismo nin á xenofobia, polo que amosalos pacificamente en calquera recinto deportivo ha ser tan incoercíbel como na vía pública. Deste xeito, calquera interpretación da Lei 19/2007, contra a violencia no deporte, que alicerce a prohibición destas bandeiras na prevención da violencia, racismo ou xenofobia é totalmente inconstitucional.

Velaí que cumpra recoñecer o acerto institucional do Barça e do seu presidente, Joan Laporta, ao defenderen afoutamente a estelada e mailos dereitos fundamentais dos seus afeccionados, fronte á arbitrariedade de determinados dispositivos policiais-evidentemente dirixidos polos seus responsábeis políticos- que confiscan estas bandeiras  sen xustificación xurídica ningunha. Este camiño de dignidade institucional de certo vai reforzar a blindaxe, por parte do Celta, do Depor e do resto das entidades deportivas galegas, do uso da estreleira e de calquera outra variante non oficial da bandeira galega. O deporte non pode ser espazo de asimilación identitaria forzosa nin un territorio alleo aos dereitos civís.

Mais o que resulta arrepíante é a malleira a un cidadán menor de idade mentres permanecía indefenso no chan. Dende o mesmo intre no que unha persoa está neutralizada o principio de proporcionalidade que rexe o uso da forzas policiais nas democracias liberais prohibe continuar no uso da mesma. A legalidade da actuación policial desaparece e a acción convértese nun delito de lesións, agravado pola indefensión da vítima. Máis dunha semana despois destes feitos, constitúe nidia responsabilidade política do Goberno do Estado que non haxa persoas investigadas por estas condutas, como tampouco existen entre os recentes agresores das persoas inmigrantes na praia Benítez  de Ceuta.

Mentres que un réxime autocrático (como o de Marrocos) utiliza os corpos de seguridade como ferramentas de castigo físico e asfixia ideolóxica, un Estado de dereito esixe que os axentes sexan os primeiros garantes da lei, operando estritamente baixo os principios de oportunidade, congruencia e proporcionalidade. Velaí que o Dereito estatal e europeo prohiban o uso da forza cando o individuo xa non ofrece resistencia. A violencia física institucional nese grao de desproporción sitúase directamente fóra da Lei, achegándose perigosamente a un modelo de impunidade que as persoas demócratas e liberais non podemos aturar. Non hai escusa de seguridade nin contexto deportivo que poida xustificar semellante degradación da integridade física.

O camiño cara á normalidade democrática esixe depurar responsabilidades policiais, garantir a liberdade de expresión e esixir que os clubs todos defendan nos estadios os símbolos que forman parte da nosa libre expresión e identidade nacional colectiva. Joan Laporta foi quen a velo e soubo darlle canle á lexítima expresión de ducias de milleiros.

Porque o deporte-e nomeadamente o fútbol-non se pode entender en simples termos de mercado nin de divertimento de elites. As equipas son de cadansúa afección e nacen do sentimento de pertenza. Depor e Celta son equipas que xurden da identidade galega, como o Athletic de Bilbao e  a Real Sociedade xurden da identidade vasca e o Barça da identidade catalá. Abonda ir aos estadios madrileños Bernabeu ou Metropolitano para albiscarmos a diferenza.

Comparte éste artículo
No hay comentarios