Néstor Rego defende o arranxo inmediata do paso elevado e o cerramento das vía, así como novos pasos peonís sinalizados para facilitar o tránsito da veciñanza.
O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno do Estado executar con carácter urxente as actuacións necesarias para mellorar a seguranza no tramo ferroviario próximo á Ría do Burgo, nas zonas dos Castros, As Xubias e A Pasaxe, na Coruña. O nacionalista denuncia o retraso no proxecto de mellora dos cerramentos das vías e exixe tamén o arranxo inmediato do paso elevado, actualmente nun avanzado estado de deterioro.
Rego lembra que en novembro de 2025 o Goberno aseguraba, en resposta a unha iniciativa do BNG, que estas actuacións se encontraban en fase de planificación dentro do proxecto de reposición e execución de cerramentos da rede convencional. “Pasaron os meses e a situación segue sen resolverse, mentres a veciñanza continúa exposta a unha situación de evidente risco” denuncia.
O deputado nacionalista pon o foco especialmente no estado do paso elevado sobre as vías, cuxas varandas presentan un importante deterioro e oxidación, até o punto de que parte da estrutura permanece precintada e foi necesario instalar elementos provisionais. “Non é admisíbel que se manteña durante meses un paso utilizado habitualmente pola veciñanza nunhas condicións que poden comprometer a súa seguranza” sinala Rego, que reclama ao Goberno unha intervención inmediata.
O BNG considera igualmente imprescindíbel reforzar o cerramento da infraestrutura ferroviaria e habilitar pasos peonís seguros e sinalizados. Trátase dunha zona con vivendas e terras de cultivo a ambos lados das vías e cun importante tránsito diario de persoas que se desprazan cara ao CHUAC e ás empresas e instalacións próximas. “A veciñanza precisa atravesar dunha marxe á outra con frecuencia e debe poder facelo con todas as garantías, non arriscando a súa vida ao pasar polas vías” afirma.
Rego advirte ademais que a falta de medidas de protección non é unha cuestión menor, tendo en conta que desde 2016 téñense rexistrado seis falecementos de persoas atropeladas por trens neste ámbito. “O Goberno coñece perfectamente esta realidade e non pode seguir adiando actuacións que son necesarias para previr novos accidentes” subliña.
Por todo isto, o BNG reclama ao executivo explicar as razóns do retraso das actuacións comprometidas e que fixe un calendario concreto para a súa execución. Así mesmo, exixe que se proceda de inmediato á reparación integral do paso elevado, que se complete o cerramento das vías nos puntos deficientes e que se estuden e habiliten novos pasos peonís seguros para responder ás necesidades da veciñanza.
“O investimento necesario para estas actuacións non pode ser a escusa para seguir adiando unha intervención que resulta fundamental para a seguranza das persoas. O Goberno debe actuar xa e deixar de esperar a que se produza unha nova traxedia para adoptar medidas nun punto no que os riscos son coñecidos desde hai anos” sentenza.