O grupo municipal Unión de Ciudadanos Independientes (UCIN Boiro) endureceu a súa posición contra a xestión do Goberno local, ao que acusa de «hipotecar o futuro dos veciños» cunha obra de preto de 4 millóns de euros na Casa da Cultura mentres o municipio acumula graves carencias en servizos públicos básicos.
A formación considera que este investimento representa un gasto non demandado pola cidadanía e exixe ao Executivo transparencia absoluta sobre a actuación, aclarando o orzamento final, as fontes de financiamento, a aportación municipal e os custos de mantemento futuros.
O coordinador de UCIN Boiro, Miguel Piqueras, aclarou que a postura da súa formación non vai contra a actividade cultural, senón contra a falta de criterio á hora de fixar prioridades orzamentarias:«Non estamos en contra da cultura. Estamos en contra de gastar millóns nunha gran obra mentres hai veciños que seguen reclamando servizos básicos. Menos formigón e máis servizos; menos propaganda e máis xestión.»
Denuncia de deficiencias na auga, limpeza e equipamentos
Dende a formación sinalan o abandono que sofren distintas áreas do rural e expoñen como exemplo o lugar de Xián, na parroquia de Bealo, onde a veciñanza carece dunha solución definitiva de abastecemento de auga e ten que recorrer en ocasións ao subministro mediante camións cisterna. Neste eido, esixen a ampliación dos depósitos e a renovación da rede municipal.
Así mesmo, UCIN Boiro critica a xestión dos servizos urbanos e eido comunitario:
- Hixiene e limpeza: Falta de baldeo no casco urbano e déficit no lavado e desinfección dos contedores de lixo.
- Mellora de infraestruturas: Deterioro nos centros sociais, parques infantís e instalacións deportivas pola ausencia de mantemento continuo.
Por todo iso, UCIN exixe ao Goberno local explicacións públicas e un xiro na política de inversións para concentrar os recursos nas necesidades diarias da veciñanza.