A Laracha. O Museo de Golmar oferta novas actividades para todos os públicos

O programa Moendo en setembro inclúe un obradoiro de origami e un club de lectura para adultos, e taller de xoias e contacontos infantís.

 O Concello continuará durante a segunda quincena do mes de setembro a programación de actividades no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar, que baixo o título Moendo en setembro ofrecerá novas propostas culturais e de lecer para diferentes idades.

A programación ten como obxectivo seguir enchendo de actividade este espazo municipal, favorecendo o seu coñecemento e dinamización e contribuíndo, ao mesmo tempo, á posta en valor do patrimonio etnográfico municipal.

O venres 18 de setembro ás 18:00 horas realizarase un obradoiro de origami para adultos impartido por Slowly Atelier. A proposta estará centrada na creación de lámpadas de papel mediante esa técnica.

O día 24, ás 18:30 horas, dará comezo un club de lectura para adultos, concibido como un espazo para compartir e conversar arredor da lectura. Nesta primeira sesión coñeceranse os intereses das persoas participantes e seleccionarase a primeira obra que será lida e comentada no seguinte encontro. A actividade terá continuidade cunha reunión ao mes ata decembro.

As outras dúas propostas son para o público infantil. O venres 25, de 17:00 a 19:00 horas, realizarase un obradoiro de elaboración de xoias no que os nenos de entre 5 e 12 anos poderán crear as súas propias pezas.

Finalmente, o martes 29 ás 18:00 horas Os Ratos de Lonxedetodo presentarán a súa primeira función nos muíños, Os ratiños de caixa, unha proposta de contacontos dirixida a nenos de entre 3 e 8 anos.

A inscrición para todas as actividades xa está aberta e é gratuíta. As persoas interesadas poden reservar a súa praza chamando ao teléfono 647828559 ou enviando un correo electrónico a museodegolmar@alaracha.gal.Con esta nova programación, o Concello continúa a apostar por converter o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte nun espazo vivo e aberto á participación, achegando diferentes propostas culturais e de lecer á veciñanza e contribuíndo a poñer en valor o patrimonio etnográfico vinculado aos muíños

Comparte éste artículo
No hay comentarios