Esta liña de colaboración enmárcase no intenso apoio que a institución provincial mantén coa Universidade de Santiago de Compostela, unha aposta que sitúa á institución provincial como a que máis recursos destina ao ensino universitario entre as deputacións de España.
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa María Crujeiras, asinaron esta mañá no Pazo de Montenegro un convenio de colaboración, a través do cal a institución provincial achega 370.500€, máis do 80%, para seguir avanzando no impulso do Campus de Lugo.
As mandatarias institucionais formalizaron na sede do vicerreitorado do campus lucense o acordo que se articula arredor de catro grandes ámbitos: investigación, transferencia de coñecemento, mellora das instalacións, divulgación científica e prácticas para o alumnado.
“Cremos na educación pública, universal e de calidade como ferramenta para garantir a igualdade de oportunidades, e cremos que o noso Campus é un dos grandes motores da provincia”, sinalou Carmela López, quen destacou tanto a actividade económica que xera a comunidade universitaria como a súa capacidade para “reter e atraer talento e transferir coñecemento e innovación ao tecido produtivo, sobre todo ao sector primario”.
Destacou a presidenta a “aposta fixa” da Deputación coa Universidade dende un obxectivo claro que é reforzar e fortalecer o campus de Lugo, porque a labor que se desenvolve nel “fai que a nosa provincia prospere e que sexa mellor”. Tamén puxo en valor Carmela López á Granxa Escola de Gayoso Castro “un centro experimental único no país, que axuda a que máis de 1.500 alumnos e alumnas poidan desenvolver as súas prácticas que en moitas carreiras universitarias non hai oportunidade”.
Concluíu a presidenta destacando o feito por parte da Deputación de asinar o convenio no Pazo de Montenegro, sede do Vicerreitorado da USC en Lugo, “algo que non se estilaba, vir á vosa casa, pero que creo que é un xesto que invita a seguir colaborando a apostar pola nosa cidade e pola nosa provincia. Nós estaremos ao voso lado con este convenio e co que faga falta”.
Pola súa banda, Rosa María Crujeiras salientou que “Lugo é hoxe unha cidade universitaria e a Deputación tivo un papel fundamental para que isto sexa así. “O apoio da institución provincial á Universidade vén de hai moitos anos e materialízase en ámbitos moi diversos, como as infraestruturas, a investigación, a formación, a divulgación ou o deporte”.
A reitora agradeceu a “boa disposición e colaboración da Deputación para seguir facendo realidade novos proxectos no Campus” e destacou que “este non pode entenderse sen o territorio no que está, nin pode medrar sen contar coas institucións que forman parte del”. Neste sentido, subliñou que “a Deputación entendeu desde o primeiro momento a importancia de apoiar a Universidade e o futuro da provincia. Esta colaboración permítenos mellorar os espazos nos que traballamos, impulsar a investigación e a formación e seguir achegando o coñecemento á sociedade e ao tecido produtivo de Lugo”.
Máis de 200.000€ para melloras no campus
Neste sentido, a Presidenta concretou que a maior partida deste convenio, máis de 200.000€, estará destinada ao mantemento, conservación e reparación das instalacións do Campus lucense e do Pazo de Montenegro.
Os traballos abranguerán os sistemas eléctricos, ascensores, instalacións térmicas, redes de auga e saneamento, xestión de residuos e telecomunicacións, co obxectivo de garantir o correcto funcionamento dos espazos universitarios.
Outros 200.000€ para investigación e divulgación
A divulgación científica e a transferencia de coñecemento será outra das principais partidas que concentra o acordo, con preto de 200.000€. Estes fondos permitirán o desenvolvemento de iniciativas como o campus de Verán Xuvenciencia, no que participaron o pasado ano 95 estudantes de toda Galicia; o Programa A Ponte, que achega a universidade aos centros educativos, especialmente ao alumnado de secundaria e Bacharelato para que vexan unha oción de futiuro; a exposición Ciencia en Movemento e as actividades do Museo Domus do Mitreo.
Así mesmo, o convenio reserva 24.000 euros para impulsar a investigación e a transferencia de coñecemento no Campus, con actuacións vinculadas a centros e institutos como o IBADER, iTerra ou a Estación Científica do Courel, así como facilitar a mobilidade de persoas investigadoras nas primeiras etapas da súa carreira, colaborando nos gastos de adquisición de materiais, publicacións, traballos de campo e desprazamentos.
Máis prácticas para o alumnado
O convenio permitirá reforzar a formación práctica do alumnado, cunha dotación de 40.000 euros, tanto na Granxa Gayoso Castro como noutras explotacións gandeiras e en empresas da provincia. A colaboración da institución provincial permite que máis de 1.500 alumnos realicen cada ano prácticas na Granxa Gayoso Castro, principalmente estudantes da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.
A presidenta da Deputación, Carmela López, destacou o valor da Granxa como espazo de formación práctica, achegando o alumnado á realidade do sector agrogandeiro e ás novas tecnoloxías.
Cesión de terreos e outras axudas
A intensa colaboración da Deputación coa USC materialízase con diversas actuacións ao longo do ano. Xunto ao presente convenio figura unha achega de 9.500€ para apoiar actividades de investigación tecnolóxica, difusión no ámbito económico e social e dinamización da comunidade universitaria. Tamén destaca o traballo conxunto para a actualización e mellora da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL), unha ferramenta destinada a identificar posibles desequilibrios e favorecer un desenvolvemento equilibrado e sostible dos concellos da provincia.
A cooperación entre ambas as institucións inclúe ademais a cesión gratuíta dos terreos nos que se sitúan as facultades, centros de investigación e servizos educativos do Campus, así como da parcela destinada á futura Facultade de Formación do Profesorado. Liñas de colaboración que se enmarcan no intenso apoio que a institución provincial mantén coa Universidade de Santiago de Compostela, unha aposta que sitúa á institución provincial como a que máis recursos destina ao ensino universitario entre as deputacións de España.