Un enfermeiro de Viveiro denuncia o colapso do SERGAS ao quedar sen medicación crónica non demorable por falta de citas

O sistema público de saúde galego volta amosar fendas críticas na atención primaria e continuada. Un veciño de Viveiro, enfermeiro de profesión, denuncia publicamente a situación de desamparo na que se atopa tras serlle imposible renovar a súa receita de medicación crónica, catalogada polo propio Servizo Galego de Saúde (SERGAS) como non demorable.

Os feitos aconteceron este venres pola tarde, cando o paciente acudiu á farmacia ao decatarse de que lle quedaba tratamento unicamente ata o domingo. Alí confirmáronlle que non tiña ningunha medicación activa no sistema. Ante esta situación, contactou co Punto de Atención Continuada (PAC) de Viveiro para solicitar a renovación urxente do tratamento. Con todo, dende o centro negáronse a realizala alegando que «non é unha urxencia», remitíndoo á súa médica de familia.

A sorpresa e a indignación medraron ao comprobar que a súa médica de cabeceira non dispón de ningunha cita libre durante todo o mes de setembro. «Temos entón que pedir cita con dous meses de antelación para non quedar sen un tratamento básico?», pregúntase o afectado.

Riscos graves para a saúde e desamparo do paciente

A medicación non demorable inclúe tratamentos clave cuxa interrupción abrupta comporta severos riscos para a saúde: dende insulinas ou antiepilépticos ata terapias psiquiátricas e cardiovasculares. No caso concreto deste paciente, trátase dun tratamento para un Trastorno Depresivo Maior (TDM), onde o cesamento sen control médico pode desencadear efectos adversos graves e unha rápida desestabilización.

Finalmente, a situación resolveuse de forma provisional grazas á boa vontade da farmacia habitual, que adiantou a medicación asumindo o custo do seu propio peto.

«Se a farmacia se nega, estando no seu pleno dereito, o SERGAS permite que un paciente se desestabilice por non querer renovar unha medicación que compromete directamente a súa saúde?», cuestiona o afectado, quen lembra que os PACs teñen entre as súas funcións a atención continuada e non só a urxencia vital estricta.

Unha falla estrutural do sistema

Como profesional da enfermaría, o paciente fai fincapé en que este non é un caso illado, senón o reflexo dunha sanidade pública na que nin a atención básica nin a continuidade dos tratamentos crónicos están garantidas. «O sistema falla. Non se pode deixar a saúde dos pacientes a mercé da falta de xestión e da boa vontade dos profesionais farmacéuticos«, conclúe.

Comparte éste artículo
No hay comentarios